Exposicións e concertos de música clásica compoñen o eixo das actividades culturais coas que se festexan neste 2011 o 800 aniversario da consagración da Catedral de Santiago e que contarán cun orzamento de 2,5 millóns de euros. Representantes do Consorcio presentaban esta mañá na cripta do templo o programa da conmemoración, destacando que a maior parte dos investimentos previstos, entre cinco e oito millóns de euros, irán destinados a traballos de rehabilitación e restauración no propio templo. A nivel de actividades, o programa recolle boa parte dos eventos anuais que se desenvolven na cidade, como o festival Via Estellae, o Festival de Músicas Contemplativas, o curso Música en Compostela, o Compostela Organum Festival ou o certame Gastronómico Santiago (é)tapas. Tamén recuncan neste aniversário propostas como o Congreso de Literatura de Viaxes, ou o Galicia Classics, inaugurados no Xacobeo do pasado ano. Canda a isto, prepáranse exposicións sobre a Compostela do Século XIII, o patrimonio do templo ou o ceremonial litúrxico da catedral. A apertura do Museo das Peregrinacións e de Santiago en outubro e a reapertura do Museo Catedralicio e a posta en marcha da Oficina Técnica do Plan Director da Catedral son outras das novidades que virán asociadas á programación.