Unha notable representación da política, da cultura e da economía do país asistiu hoxe á inauguración oficial da Cidade da Cultura, no monte Gaiás. Os Príncipes de Asturias presidiron o acto, que tamén contou coa presenza da Ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde e boa parte do armazón institucional galego. No seu discurso inaugural, o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, acentuou a relación simbólica entre a Catedral de Santiago e a Cidade de Cultura, especialmente acentuada polo Goberno ao facer coincidir a data de inauguración dos primeiros edificios do Gaiás coa da consagración da Catedral de Santiago hai 800 anos. "O Gaiás será un centro de peregrinación cultural", sinalou o Presidente da Xunta, quen engadiu que a Cidade da Cultura "ten as mesmas doses de fe e humanismo que a Catedral". Felipe de Borbón, príncipe de Asturias, enfatizou a presenza desta "paisaxe arquitectónica" como mostra da "riqueza da vosa cultura milenaria". Os Príncipes percorreron os dous primeiros edificios abertos ao público: o Arquivo e a Biblioteca de Galicia.
O acto tivo un importante compoñente musical, coas interpretacións do Coro Gaos e do barítono Borja Quiza que, canda Cristina Pato ao piano, interpretaron Lela.
O acto tivo un importante compoñente musical, coas interpretacións do Coro Gaos e do barítono Borja Quiza que, canda Cristina Pato ao piano, interpretaron Lela.