Unha apertura cándida

Unha exposición inaugura os primeiros edificios da Cidade da Cultura que se poderá visitar baixo petición

É unha das máximas representantes da fotografía alemana. O seu traballo mantén sempre unhas constantes, como as de fotografar edificios de uso público cando están baleiros, é dicir, cando non existe vida neles e cobran unha nova dimensión. As imaxes de Cándida Hoffer inauguran mañá a Biblioteca da Cidade da Cultura (a mostra ten outra parte que se pode ver en San Martín Pinario). Canda ela, o complexo do Gaiás descobre oficialmente ao público parte do seu esplendor, pero como segue en obras, só se poderá visitar por solicitude. Percorremos os dous edificios que se inauguran para coñecer o complexo desde un punto de vista arquitectónico.

Hai once anos, un concurso de ideas resolveu quen había de materializar o soño de crear un gran complexo cultural. O vencedor foi o arquitecto Peter Eisenman cun proxecto de interpretación do casco histórico de Santiago situado na ladeira do Monte Gaiás. A construción do edificio fíxose de forma gradual, con parón incluído para definir os seus usos, por iso a súa apertura será tamén gradual. Tal e como estaba previsto desde hai anos, mañá (en pleno 2010) ábrense os dous primeiros centros: Biblioteca e Arquivo de Galicia (inicialmente Biblioteca e Hemeroteca que perderon polo camiño a etiqueta de nacional). Faise dun xeito atípico porque como o complexo segue en obras, por cuestións de seguridade, só se poderá visitar baixo petición a través da páxina web da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E para abrir unha biblioteca nada mellor que unha exposición fotográfica que reflexiona sobre este tipo de espazos da man dunha especialista na materia, Candida Höfer, que destaca por presentar uns edificios en estado puro, onde a arquitectura emerxe por riba da súa funcionalidade. Espazos propios é o título que condensa unha peregrinación fotográfica no que a artista alemá fotografou os arquivos e biliotecas máis representativas do Camiño de Santiago. O resultado final repártese entre a biblioteca da Cidade da Cultura, baixo o nome de Lugares, e o mosteiro de San Martiño Pinario, co título de Lugares. A terceira póla do proxecto está en papel, no catálogo Espazos Propios que resume a filosofía, xénese e desenvolvemento desta iniciativa.

O vídeo
Antonio Maroño, arquitecto da Fundación Cidade da Cultura, leva nove anos explicando o esquelete deste complexo. A súa función é a de comprobar o desenvolvemento daquela idea inicial coa que Eisenman levou á orografía do Gaiás a esencia da améndoa do casco histórico ata a súa materalización definitiva. Coñecedor do proxecto e da súa evolución, Maroño adéntranos no complexo desde a súa espiña dorsal, un inmenso túnel que alberga as canalizacións centrais do edificio e ten unhas dimensións xigantescas que permite que se crucen camións no seu interior que conecta baixo terra todo o complexo. Desde alí emerxemos cara as zonas públicas do Arquivo e da Biblioteca de Galicia, centro neurálxico das obras de referencia sobre o país e primeiros edificios en abrirse ao público. O uso de materiais pétreos (desde pavimentos acristalados ata morteros), cunha gama cromática atípica en Eisenman (con gamas de cores neutros e blancos), ofrecen unha coherencia a todo o complexo. Da man de Maroño apreciamos o edificio desde o punto de vista arquitectónico, unha obra de arte en si mesma con independencia dos seus usos e contidos.

Créditos
Cámara e edición: Luís Miguel Alonso.
Música: David Schombert. Album Electron.