Fin de semana de gravación de concertos en directo nas salas

Kathaarsys en Santiago e A Tribu en Bueu fixarán os seus concertos en discos

Nesta fin de semana coinciden en Galicia dúas citas de axenda nas que dous grupos sairán ao escenario cos obxectivos non só de dar un bo concerto ao público asistente senón de que esas actuacións queden fixadas para que se poidan revivir despois. A Sala Capitol acolle o sábado en Santiago un concerto do grupo de metal Kathaarsys que será gravado en formato CD e DVD e que se converterá no quinto traballo discográfico deste trío que aínda segue inmerso na xira internacional do seu cuarto traballo Intuition. Noutras coordenadas musicais está a formación A Tribu, proxecto eléctrico do coñecido contrabaixista de jazz Xacobe Martínez e David Outumuro, percusionista de Donatore di Groove e Mutenrohi, que acompañados dos saxofonistas Rosolino Marinello e Toño Otero, o batería Max Gómez e o vídeo jockey Daniel Vazquez actuarán durante dúas noites seguidas venres e sábado na Sala Aturuxo de Bueu gravando o que será o seu primeiro disco. A Tribu achega unha mirada ao rock, o funk, o hip-hop e ao groove, pero sen esquecer o jazz e a improvisación.