Unha marcha reivindica a conservación dos camiños tradicionais

Camiños novos, rumbos vellos

Onte chegaron a Vigo as cen persoas que participaron na segunda etapa da marcha Euro Rando 2001, que pretende reivindicar os camiños tradicionais com patrimonio cultural e promover a súa conservación. Entre as últimas iniciativas de recuperación deste tipo de vías en Galicia está en marcha a restauración da "Ruta dos Muiños" en Meira, que se iniciará en breve.

De Marcha



A marcha Euro Rando 2001 percorrerá Europa durante os seis primeiros meses deste ano coa intención de reivindicar a recuperación dos camiños tradicionais por parte dos poderes públicos, desde os Concellos ó Parlamento Europeo. Milleiros de persoas relevaranse para realizar os dez tramos ue percorrerán vintetrés países da Unión Europea ata rematar na sede do Parlamento Europeo en Estrasburgo, onde agardan reunir a 150.000 persoas.



Etapa galega



A etapa que rematou onte forma parte do eixe Porto-Estrasburgo, e está coordinado pola Federación Galega de Montañismo. O percorrido comezou na cidade de Porto e rematou en Tui, onde os participantes foron recibidos polo alcalde, o rexedor de Valença do Minho e os eurodeputados Camilo Nogueira e Manuel Pérez.



Os muiños de Meira


Unha das últimas iniciativas de recuperación de camiños tradicionais é a da posta en marcha en Meira do "Camiño dos Muiños", pendente dos traballos de limpeza e desbroce da zona que se viron retrasados polo mal tempo. O proxecto xa recuperou un camiño de pedra que transcorre onda o río Faro e qeu pasa por onda tres muiños e un lavadoiro. A próxima actuación está encamiñada a limpar o carreiro do río Faro que pasa por onda a centenaria Carballeira de Bronlle, así como a sinalización da zona e a instalación de pontes de madeira sobre o río.