Vellos camiños para novos usos

O proxecto Camiños seguros do Morrazo aposta por un xeito alternativo de mobilidade na comarca

Recuperar antigos camiños, adaptalos, completalos e buscarlles novos usos para facilitar a mobilidade. Esta é a proposta fundamental do proxecto Camiños Seguros do Morrazo que se presentaba esta fin de semana en Cangas e Bueu e que procura pór en valor, coa colaboración dos veciños todo un patrimonio esquecido mediante a súa utilización.

Camiños reais, corredoiras, estradas modernas. Ao longo do tempo, a Península do Morrazo foi constituíndo unha rede viaria en resposta ás necesidades de cada instante. Así, aos tradicionais camiños que conectaban diferentes núcleos parroquiais entre si e mais coas zonas de traballo, sumáronse máis tarde as primeiras estradas modernas, orientadas a darlle saída á mercadoría das fábricas conserveiras. A finais do século XX a explosión do turismo e a multiplicación de persoas que acudían, sobre todo desde Vigo, ás praias do sur, coincidiu coa construción da ponte de Rande. "Esa sociedade atopou no Morrazo novos areais para o seu tempo libre, e arredor deles erguéronse novas construcións para responder ás súas demandas", explica Martín Barreiro, arquitecto e urbanista que desde o Estudo de Proxectos Rurban está a impulsar esta nova proposta. Eses mesmos fluxos levaron máis tarde á construción Vía Rápida, unha grande e debatida infraestrutura orientada a garantir un rápido acceso aos areais. De xeito paralelo, "foise incrementando o uso do coche para ir traballar e para acceder aos novos centros comerciais, a coincidir co declive das tendas de barrio".

O estudo do territorio
Barreiro presentou a súa tese no Politécnico de Milán a desenvolver unha análise sobre a configuración do Morrazo como unha cidade difusa. "a tese sobre todo achega unha metodoloxía de análise do territorio, tenta ser unha lente que permite observalo doutro xeito e que pretende comunicar á sociedade". O traballo percorre o territorio da comarca desde 1850 ata 2008, atendendo a un exhaustivo traballo de cartografía e documentación. "Permite ver esa evolución e verifica que as tranformacións non foron unha expansión lineal das áreas urbanas, senón que houbo fases. Ademais recolle elementos que permaneceron á marxe dos documentos de planificación, como poden ser agras, levadas, présas ou muíños que non se teñen en conta pero seguen a ter un valor na sociedade". En último termo, a súa investigación pretender "servir como un instrumento de mediación. As grandes intervencións fanse sen en conta os valores da sociais e aí aparecen conflitos".

Novas mobilidades
O seu coñecemento exhaustivo sobre a zona, logo de cartografar elementos como os camiños ou mesmo antigas estruturas de regadío que non estaban rexistradas nin sequera nos correspondentes plans xerais de ordenación, permitiulle pensar nas posibilidades de aproveitamento de diferentes elementos xa existentes na zona, atendendo ademais ás peculiaridades da poboación e ás súas necesidades. Así naceu o proxecto Camiños seguros do Morrazo, que chama a recuperar un total 145 quilómetros de vías de diferentes épocas para os transformar en espazos nos que peóns e bicicletas sexan protagonistas. "Pode parecer moito, pero se temas en conta que hai na zona 756 quilómetros adaptados para o uso do coche, non é tanto". Ademais, o proxecto baséase en aproveitar maioritariamente unha rede viaria xa existente. Na actualidade, a diminución do emprego do coche "un 25% menos desde que comezou a crise", canda á propia situación demográfica da comarca, cunha alta porcentaxe de poboación avellentade a dispersa amosan a necesidade de adaptar de novo a rede viaria ás necesidades actuais.

Patrimonio e utilidade
A proposta prevé non só recuperar vellos camiños, senón que, guiado pola busca de utilidade e de optimizar a rede viaria xa en marcha, propón adaptacións en diferentes espazos para potenciar ao máximo as posibilidades destas vías. "Non se trata de facer unha recuperación da memoria sobre os camiños, aínda que iso tamén estará presente. A idea é aproveitar o que temos a man e que sexa útil. Non imos reivindicar unha vía de comunicación só porque o camiño teñan 100, 200 ou 400 anos. Partimos dunha perspectiva de utilidade, de vías cómodas en canto a pendentes, distancia e escala humana". Mesmo cuestións como a existencia que árbores e de zonas de sombra que fagan máis agradable o percurso téñense en conta neste proxecto.

Novos espazos, novos usos
Para alén de sinalizar as vías, a iniciativa propón accións que faciliten o seu emprego. Desde pór semáforos con pulsadores alí onde se dea un cruce con vías convencionais ás instalacións de firmes especiais nalgúns dos tramos ou a adaptación de áreas concretas para novos usos. "Un dos usos posibles para estes camiños é os recuperar como espazos para a socialización. Cando un camiño é seguro e por el só pasan os coches da zona ou fano a pouca velocidade, os rapaces voltan á rúa e ao xogo e aparecen de novos espazos para o encontro. Mesmo se poden habilitar espazos para que estacionen as furgonetas que van vender o pan, a froita ou o peixe polas parroquias", explica. Aparcadoiros disuasorios nos lugares onde estas rutas coincidan coas estradas, pequenas áreas de xogo ou aparcadoiros para bicicletas son outras propostas da iniciativa. "A idea non é prohibir o emprego do coche, senón crear unhas condicións que leven a que se empregue o mínimo e o peón sexa o protagonista. De calquera xeito non se trata de planificar os usos, senón que a propia veciñanza os vaia atopando".

A participación
De feito, aínda que a proposta exhaustiva de Barreiro propón xa unha serie de intervencións e de equipamentos cos que optimizar ao máximo o emprego destas vías, serán os veciños de cada zona os que debatan e decidan qué facer e como actuar sobre os seus camiños. Para isto, os responsables da iniciativa están a presentar nos últimos días a iniciativa de xeito público. Unha exposición en Bueu estará en marcha ata o vindeiro 29 de xuño a explica a proposta. Un mapa de 10 metros cadrados a representar a península e a proposta de camiños protagoniza a iniciativa. "poden verse onde se queren pór os pulsadores, os tramos protexidos, os puntos de agarda ou os paneis informativos. Semella que para os visitantes está a resulta moito máis claro do que planos como os do PXOM, e ese era o principal obxectivo". Un spot sobre o proxecto a amosar en imaxes a transformación de espazos concretos, unha maqueta que explica a transformación do contorno dunha estrada "que semella que funciona moi ben entre os máis, novos, que entenden rapidamente o que se pretende facer", e proxectos en tres dimensións sobre diferentes intervencións previstas son algúns dos contidos que se poden ver no proxecto. Os visitantes poderán ver tamén a publicación que se está a desenvolver no seo desta iniciativa e que explica conceptos básicos urbanismo e planificación para facilitar a participación social.

Antecedente
Este grande proxecto conta con antecedentes que amosan a súa viabilidade. Hai poucos meses, Rurban implicaba diferentes organizacións veciñais na recuperación do Camiño Real entre Cangas e Moaña, unha vía que permite conectar as dúas poboacións cun percorrido de 20 minutos en bicicleta e 60 a pé. A iniciativa, que unicamente esixe actuacións en tres puntos nos que este camiño cruza coa estrada, conseguiu un importante apoio social e amosa o interese que poden espertar este tipo de propostas. "Isto funcionou como unha demo do que se pode facer, foi un traballo de tres anos que nos amosou que tiñamos que traballar sobre o aparello comunicativo e os materiais que empregamos. O que atopamos foi un apoio enorme da veciñanza, que hoxe é que reivindican que os investimentos para a parroquia se destinen a isto".

O consenso do camiño
O grande reto pendente neste sentido é conseguir involucrar os concellos da zona e outras institucións para garantir o financiamento dunhas actuacións que, segundo destaca Barreiro, non resultan especialmente custosas para o seu potencial. "Logo de anos de traballar na participación social vimos que os camiños son algo que aglutina moitísima xente, que en xeral lle interesa á maior parte da sociedade". No entanto, e malia ao ambicioso desta proposta, o arquitecto advirte que "este é un primeiro paso. Temos outros proxectos para intervir no Morrazo e xerar un urbanismo máis axeitado aos intereses e necesidades da persoas nas vindeiras décadas. Vai depender moito de como se vaia desenvolvendo o proxecto, pero gustaríanos de cara ao futuro se poida falar doutro tipo de urbanismo e dunha nova xeración de PXOMs. Nese sentido, para alén de buscar apoios en colectivos veciñais, o proxecto desenvolverá tamén xuntanzas con representantes de concellos e doutras administracións. "O Concello de Bueu amosou o seu interese e tamén atopamos apoio nos partidos da oposición de Cangas e Moaña", explica Barreiro.