Lugo apoia as candidaturas de Tui e de Ferrol a Patrimonio da Humanidade

Patrimonio para todos

Despois de acadar o seu obxectivo de que a muralla romana sexa declarada Patrimonio da Humanidade, a cidade de Lugo amosa a seu apoio a que outros conxuntos históricos e monumentais galegos reciban tamén esta distinción. Se o pasado día 29 foi unha marcha a encargada de reivindicar a candidatura de Tui, onte o alcalde lugués amosou o seu apoio ó conxunto de castelos de Ferrol.

Castelos de Ferrol



O alcalde de Lugo José Clemente López visitou onte Ferrol con ocasión do día de San Xulián, patrón da cidade. Con esta visita, ademais de anovar os lazos de amizade entre as cidades, o alcalde amosou o seu apoio a que os castelos de San Felipe, A Palma e o Arsenal Militar sexa declarados Patrimonio da Humanidade. Esta proposta foi realizada por iniciativa da Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que xa comezou os trámites para acadar este recoñecemento.



Tui-Valença



O de Ferrol foi o segundo acto polo que Lugo apoia unha candidatura galega ó galardón. Xa o pasado día 29 saíu da Cidade da Muralla unha marcha a pé, a cabalo e en volkswagen "escarabellos" cara a Tui, co obxectivo de levar a esta vila o relevo da candidatura. O alcalde foi o encargado de entregar a testemuña ós pariticipantes da marcha, testemuña que chegou o domingo 31 á catedral Tudense. Con ocasión da finalización da marcha, que pasou por Compostela e Redondela, fixéronse sonar todas as campanas de Tui e do Alto Miño portugués. A candidatura de Tui realízase conxuntamente coa vila portuguesa de Valença do Minho, polo grande interese dos dous conxuntos monumentais.