A Coruña, Ferrol e Foz avanzan nas súas propostas de patrimonio para a UNESCO

Todo o Patrimonio para a Humanidade

Paco Vázquez buscará apoio no estranxeiro para que a Torre de Hércules sexa Patrimonio da Humanidade mentres a Real Academia Galega de Belas Artes dá o seu apoio a esta proposta. Mentres os concellos da Costa da Morte pretenden incluir nesta candidatura os dólmenes da zona. E desde Ferrol, o historiador Guillermo Llorca ven de publicar un estudi osobre a importancia histórica dos castelos e os arsenais da zona e propón ampliar a proposta de Patrimonio da Humanidade ó conxunto da Ría. Por se fose pouco, esta fin de semana púxose en marcha en Foz unha recollida de sinaturas para que a igrexa de San Martiño tamén opte a este título.

Apoios para a Coruña



A Real Academia Galega de Belas Artes apoiará a iniciativa do recén creado Instituto de Estudios Torre de Hércules para que este monumento sexa Patrimonio da Humanidade. A Academia, segundo sinalaba esta fin de semana o seu presidente, Julio Fernández Argüelles, informará ó Instituto das iniciativas que desenvolveu durante os últimos dez anos para solicitar unha declaración para a que nin sequera acadou a candidatura oficial. Actualmente, a Real Academia de Belas Artes está a propor o conxunto de fortificacións da Ría de Ferrol coma candidato para este recoñecemento, e propón que a candidatura da Torre se faga conxuntamente con outros elementos destacados coma o Castro de Elviña. Tamén Paco Vázquez sinalou, no encontro que mantivo onte con representantes do Instituto, que buscará apoios internacionais á proposta, aínda que sinalou que é demaisado cedo para decidir se a Torre concorre soa ou se o fai conxuntamente con outros monumentos. Tamén salientou que a formalización da candidatura "é un traballo dunha serie de anos". Os representantes do Instituto contactarán proximamente coa Xunta e co Ministerio de Cultura para buscar novos apoios.
Ante a posibilidade dunha candidatura conxunta de varios monumentos da Coruña a asociación Neria, que agrupa a varios concellos da Costa da Morte, amosou o seu interese en incluir os dólmenes da zona dentro da proposta.







A importancia de Ferrol



A candidatura de Ferrol a Patrimonio da Humanidade vén de recibir un novo apoio coa recente publicación de "Ferrol no patrimonio mundial", unha obra que analiza a importancia do patrimonio cultural de Ferrol. O seu autor, Guillermo Llorca, sinala, nunha entrevista a "O Correo Galego", que as edicificacións defensivas da ría construídas no século XVIII son únicas no mundo e que foron un modelo que se seguiu despois en Iberoamérica, lembra o caso da fortaleza da Habana que acadou o recoñecemento da UNESCO. O historiador sinala que para consolidar a candidatura de Ferrol debería engadirse á proposta, ademais das construccións militares, o contorno natural da Ria de Ferrol, o que, segundo el, coincide mais coa tendencia da UNESCO a considerar as candidaturas que combinan monumentos arquitectónicos e espacios naturais.






San Martiño



O Concello de Foz puxo en marcha o pasado sábado unha iniciativa de recollida de sinaturas solicitando que a Igrexa de San Martiño de Mondoñedo, sita neste concello, sexa declarada Patrimonio da Humanidade. Esat igrexa, considerada "exemplar único do prerrománico galego" segundo sinalou Suso Fernández, cronista oficial da vila. Esta igrexa, orixinal do século VI aínda reconstruída entre o X e o XII foi a primeira catedral construída no sur de Europa. Esta igrexa posúe un retablo románico en pedra único no continente con imaxes da apocalipse.

O concello pretende agora acadar dez mil sinaturas de apoio á proposta, e coordinar con todos os partidos representados no consistorio para redactar un proxecto conxunto. Ademais, anuncian obras de rehabilitación da reitoral adxunta á igrexa.