A BD galega volta ao Saló del Còmic de Barcelona

Unha exposición sobre o Camiño de Santiago protagoniza a presenza do noso país

Ilustración de Emma Ríos para o posto galego no Saló de Barcelona
Ilustración de Emma Ríos para o posto galego no Saló de Barcelona
Dous postos promocionais, unha mostra de publicacións e mais a exposición Un camiño de viñetas compoñen o groso da representación institucional da banda deseñada galega no Saló del Còmic de Barcelona. Como é habitual, haberá presentacións dos novos lanzamentos de editoras e autores do país, neste caso Fran Jaraba, BD Banda e Retranca Editora, que darán a coñecer as súas propostas na tarde do venres. tamén se prevén sesións de sinaturas a cargo de Jano e Rodrigo Cota, Kiko da Silva, Brais Rodríguez, Víctor Rivas, José Domingo e David Rubín. O director xeral de Promoción e Difusión da Cultura, Francisco López Rodríguez, visitará o evento na xornada inaugural, o vindeiro xoves día seis. Nesta ocasión, non haberá posto de venda de material por vez primeira desde que Galicia participa neste encontro. A delegación galega distribuirá versións impresas do texto ABC BD, elaborado por culturagalega.org, que achega toda a información para se introducir no mundo da BD do noso país. A exposición Un camiño de viñetas, foi comisariada por Benito Losada e amosa páxinas de Emma Ríos, Diego Blanco e Kike Benlloch, Martín Romero, Alberto Vázquez e Miguel Robledo entre outros.