El héroe e Fiz principais lanzamentos da BD galega para o Saló

A candidatura de Retranca é a única representación do noso país nos premios

Fragmento da capa do primeiro número de <i>Fiz</I>
Fragmento da capa do primeiro número de Fiz
A amplamente anunciada presentación do primeiro volume de El héroe de David Rubín e o lanzamento de Fiz a revistas infantil de Retranca Editora, son as grandes novidades galegas no Salón del Còmic de Barcelona, que abriu hoxe as súas portas. Precisamente Retranca é a única candidatura aos premios do evento chegada do noso país neste ano. Canda a estes lanzamentos, El Patito Editorial contará cun posto no que porá á venda os seus últimos lanzamentos en castelán, Dick Turpin e mais Golfiño y los invasores de Fausto Isorna. Para alén dos xa mentados, está confirmada a presenza de Alberto Guitián, Víctor Rivas, José Domingo, Jacobo Fernández e Kiko da Silva, que asinarán exemplares das obras que teñen editadas en diferentes firmas.

A falta de completar datos sobre a asistencia de máis autores galegos, semella confirmarse un descenso importante de participación a respecto doutros anos, unha situación que autores como Norberto Fernández relacionan coa mudanza no sistema de apoio institucional e mais coa actual situación de crise. Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia, acudiu esta mañá ao evento a amosar o apoio da Consellaría de Cultura aos creadores e editores galegos que se desprazaron ao lugar, aínda que apuntou que a falta dun stand propio dificulta a representación da BD galega. As axudas que anunciara este departamento para facilitar a asistencia do sector ao Saló irán, segundo sinalou esta mañá o gabinete de comunicación, para Retranca e mais El Patito Editorial, que contan con posto propio. Pola súa banda Kiko da Silva, responsable de Retranca Edicións sinalou que polo de agora non ten constancia de que vaia recibir esta axuda.