Un museo para a rúa

O Museo Urbano do Arte Urbana quere dar a coñecer este tipo de creacións desde A Coruña

Obra de Sam Basset
Obra de Sam Basset
A Coruña está a desenvolver unha experiencia pioneira. Un museo efémero centrado na arte urbana toma estes días as rúas e diferentes espazos culturais da Cidade Herculina. O Museo Urbano de Arte Urbana, que pretende dignificar e dar a coñecer un tipo de creación a miúdo pouco entendido, quere ser a semente dun futuro centro estable especializado neste ámbito.

“Pensábamos que A Coruña precisaba un produto cultural potente e exportable a nivel estatal e internacional, e vimos que a arte urbana tiña un nicho moi amplo”, explica Xulio Vázquez, coordinador desta iniciativa desde a empresa Deica Management. “Decidimos apostar por un proxecto moi amplo, con nomes destacados do panorama, e semella que saiu ben”. O máis semellante que se fixo a este MUAU no Estado foran unhas xornadas que se realizaran en 2005 en La Casa Encendida de Madrid. “Este é un proxecto moito máis amplo, que inclúe unha exposición internacional con música en directo. Ademais disto hai intervencións na rúa, audiovisual, obradoiros e xornadas. O feedback que nos chega é que xa non só a nivel estatal, senón europeo, é un proxecto pioneiro, e estamos moi orgullosos”.

Programas
Artistas recoñecidos internacionalmente como MOMO, Eltono e Faith47 participan no evento desenvolvendo actuacións en diferentes espazos da cidade. Canda a isto, a exposición Posgraffiti, xeometría e abstracción achega por vez primeira a Caixa Galicia estas manifestacións creativas. Para alén de amosar as pezas da arte urbana, o encontro reflexiona sobre o proceso creativo destas creacións, nunhas xornadas que contan coa participación dalgúns dos máis prestixiosos creadores internacionais neste campo e ás que asiste un bo feixe de afeccionados galegos. Especialistas como Henry Chalfant, Eltono, Nano4814, El niño de las pinturas, Marco Marchioni ou Jesús Pedro Lorente son algúns dos nomes que participarán no evento. Obradoiros de formación, actividades para nenos e actuacións musicais completan o programa do evento.

Da rúa ao interior
Ademais, a iniciativa pretende tirar da rúa as creacións deste tipo e achegalas ao público afeito á arte convencional expóndoas en lugares convencionalmente mellor considerados, neste caso na Fundación Caixa Galicia. No entanto, o coordinador da iniciativa explica que este non é un proceso exento de dificultades. “A arte urbana ten como elemento vehicular imprescindible a rúa e o espazo público. A evolución está levando a trasladar o obxecto físico da rúa ás galerías. Nós non queremos reproducir graffitis sobre lenzos, non queremos que se adapte a obra outros formatos. O que pretendemos é estudar a relación entre a galería e a rúa. As obras prodúcense na rúa e despois expóñense no interior, neste caso mediante a manipulación dos cidadáns que interactuan coa obra”. Malia ao salto que supón para moitos autores introducir a súa obra nun museo, Vázquez asegura que non atopan especiais resistencias nese sentido, e que non é estraño na carreira dalgúns dos máis coñecidos creadores neste campo pasar das paredes da rúa ás galería. “Está a vir moita xente desde Galicia, Portugal, Madrid ou Barcelona. Artistas, teóricos e afeccionados están a establecer un diálogo moi interesante e non está a verse ningún tipo de rexeitamento nese sentido. A arte urbana evoluíu do graffiti ao postgraffiti e aínda agora á intervención. E os creadores galegos puideron falar con artistas internacionais que xa percorreron ese camiño, e viron que é moi interesante”.

Rachar prexuízos
Os coordinadores deste encontro teñen clara a necesidade de contactar co público e de desenvolver unha tarefa pedagóxica para rachar os preconceitos que equiparan este tipo de arte un tipo de vandalismo. “O MUAU ten unha responsabilidade grande desde un punto de vista pedagóxico. Queremos que mude a percepción dos coruñeses sobre esta disciplina artística. Vimos que mesmo a nivel institucional foi difícil transmitir que a arte urbana é moito máis que o graffiti, explicar que se trata dunha corrente de vangarda con grande importancia a nivel internacional. Do mesmo xeito que comprenderon o proxecto, agardamos que a sociedade en xeral tamén o comprenda”.

Potencial
Canda ás resistencias e prexuízos, non podemos esquecer que estamos a falar dunha das formas actuais de arte plástico que máis chega ao seu público. Só compre ir pola rúa para coñecermos un bo feixe de autores neste campo, se intermediarios de ningún tipo, o que sen dúbida o fai unha das formas de creación máis populares na actualidade. “Penso que hai moitísimos anos que non vivimos a explosión dunha corrente artística tan potente. É inabarcable, global e imparable, abrangue moitísimos ámbitos e supón un berro á liberdade. Xente moi nova e non tan nova que actúa na rúa sen prexuízos e en moitos casos mesmo fóra dos sistema mercantil”.

A creación galega
O panorama galego, para Vázquez é “moi potente. Hai mostras moi peculiares e adaptativas do estilo do graffiti desde hai moito tempo no país. Estase estudando xa na actualidade a base da arte urbana en Galicia e vese que hai moitísima canteira. Vigo por exemplo foi unha cidade moi viva culturalmente e na escena hip hop ou graffiti hai moitísima vida, cunha evolución moi grande e xente que traballou por todo o mundo”. A efervescencia non deu, ata o momento, para que se poida falar de escolas propias neste mundo. “É tamén difícil atopar peculiaridades locais na arte urbana galega”, recoñece. “A nosa responsabilidade nese sentido será guiar os novos artistas para que sexan respectuosos con seu contorno e interacturen positivamente con el”.

O futuro do museo
De cara ao futuro, o coordinador do evento adianta que o MUAU “terá continuidade con accións moi novidosas ao longo de todo o ano”. A medio prazo, a intención é que a cidade chegue a contar cun centro estable dedicado a esta temática. “É un soño e vai resultar complicado. Pero eu son moi optimista e atreveríame a dicir que con todo o que camiñamos chegaremos á meta. Non sei cando, pero o noso obxectivo final é a creación do Museo Urbano de Arte Urbana na Coruña, especificamente no Barrio de Eirís”. A aposta, verdadeiramente novidosa, situaría sen dúbida ningunha a cidade na vangarda artística internacional. O primeiro paso está dado.

Galería: MUAU

Galería: MUAU

Obra de MOMO Fonte: MUAU

Obra de MOMO

Obra de MOMO

Fonte: MUAU

Intervención de MOMO

Intervención de MOMO

Fonte: MUAU

Obra de Eltono

Obra de Eltono

Fonte: MUAU

Obra de Eltono

Obra de Eltono

Fonte: MUAU

Unha das intervencións de Eltono

Unha das intervencións de Eltono

Fonte: MUAU

Intervención de Marlon de Azambua

Intervención de Marlon de Azambua

Fonte: MUAU

Ligazóns