Cultura prevé 300.000 euros en axudas á tradución para 2010

O apoio cubre entre o 50% e o 75% do custe da versión, cun máximo de 6.000 euros

As tan anceiadas axudas á tradución, que Cultura non convocou neste 2009, teñen xa continuidade. O Diario Oficial de Galicia do pasado 26 de novembro publica a convocatoria de axudas á edición en galego de obras publicadas orixinalmente noutras linguas. A convocatoria prevé un investimento de 300.000 euros dos cales a metade irán a cargo dos orzamentos de 2010 e a outra corresponderá ao exercicio 2011. A previsión de axudas cubrirá entre o 50% e o 75% do custe da tradución, cunha contía máxima de 6.000 euros por proxecto. As últimas axudas convocáranse en maio de 2008.