Os fondos do NO-DO cedidos ao CGAI poderán consultarse a partir de decembro

Homenaxes, ciclos de cine e exposicións completan a programación para os vindeiros meses

Son imaxes de Galicia entre os anos corenta e setenta que ofrecen imaxes de actos sociais, estampas da época e acontecementos históricos de diversa índole. En total trinta horas do NO-DO (cedidas hai dous anos pola Filmoteca Nacional) que se poderán consultar a partir de decembro no Centro Galego de Artes da Imaxe. Así o anunciaron o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, e o director da institución, Guillermo Escrigas na presentación da programación para os vindeiros meses. Un ciclo de dedicado ao Xacobeo, dúas exposicións fotográficas (unha en homenaxe ao que fora director do CGAI, Jose Luis Cabo) e proxeccións para todas as idades son algunhas das novidades presentadas.

A actividade do CGAI para os vindeiros meses inclúe tamén dous feitos destacados. Dunha banda, homenaxeará a Torrente Ballester coa reivindicación da súa faceta de guionista. Da outra, continuará co seu traballo de recuperación do patrimonio historico. Neste momento, o CGAI está a traballar no filme Tranvías de la Coruña (1926) a partir dunhas bobinas localizadas en Uruguay; e Actos do centenario do nacemento de Rosalía de Castro en Buenos Aires que inclúe aparicións de Eduardo Blanco Amor, Tacholas, e políticos como Rodolfo Prada e Núñez Búa.