A Consellaría de Cultura presenta os seus orzamentos para 2010

O Turismo e o Xacobeo acaparan boa parte dos investimentos

| Santiago. Redacción | Seccións: Políticas Culturais
Compartir:

A chegada do Xacobeo 2010 déixase sentir con forza nos orzamentos da Consellaría de Cultura e Turismo para o vindeiro ano. O titular deste departamento, Roberto Varela, presentaba esta mañá as súas previsións sinalando a importancia destas dúas áreas a nivel económico nunhas contas que polo demais non presentaban grandes novidades en canto a proxectos. Nun exercicio marcado pola austeridade, Cultura contará cun orzamento consolidado de 239 millóns de euros, dos que poderá investir 196. O programa de Coordinación e Promoción do Turismo, con 79 millóns, é o máis beneficiado nas previsións, mentres que o de Creación, promoción e difusión cultural e infraestruturas culturais, queda detrás con 56.

A Sociedade Anómima de Xestión do Plan Xacobeo contará en 2010 con 43,1 millóns de euros,un 60% máis do que no anterior exercicio, como era de agardar coa celebracíon dun Ano Santo. A nivel de promoción cultural, o Ano da Lectura disporá de 2.850.000 euros para a promoción da lectura, e 1.593.000 máis destinados a favorecer a edición do libro en galego. Mentres, os investimentos destinados a Patrimonio chegarán a 9.949.000.

A nova etapa do CGAC arrincará con algo máis de 4 millóns de euros de orzamento, mentres a Axencia Galega de Industrias Culturais, lonxe de desaparecer, manxerá en 2010 14,3 millóns de euros, mentres 7.296.000 máis irán para axudas á produción artística. Como novidade, Varela anunciou a posta en marcha do programa Creativa, de intercambio artístico con Portugal, que contará con 80.000 euros. Na mesma liña, adiantou o interese do seu departamento en fomentar unha rede no mesmo sentido con Cataluña, Portugal, Reino Unido e Brasil.

Que che parece esta nova?
62 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Turismo, Roberto Varela, Portugal, Reino Unido...