A Cultura do Estado en Galicia

Revisamos o borrador dos orzamentos do Estado no que atende á cultura no noso país

En época de crise económica toca apretar o cinto. E o Executivo de Madrid presentou un borrador de orzamentos austero e con severos recortes en Cultura e Investigación. Revisamos as partidas que afectan a Galicia para saber qué proxectos teñen dotación orzamentaria para o vindeiro ano.

Poucas novidades no que afecta ao investimento do Estado en Galicia. Boa parte das asignacións orzamentarias establecidas no borrador dos orzamentos (que, como tal borrador ha de ser debatido e aprobado no Parlamento) xa foron presentadas hai tempo. E outras que estaban anunciadas (como a construción da biblioteca do Estado en Vigo) non se aclaran cunha dotación orzamentaria concreta.

As infraestruturas
No desglose orzamentario hai cartos para o inicio das obras de construción das sedes dos Arquivos Históricos Provinciais da Coruña e Pontevedra; e continuación das reformas no de Ourense. Ademais, dentro das actividades referidas aos arquivos, o Ministerio de Cultura, a través da Subdirección Xeral dos Arquivos Estatais, vén desenvolvendo, desde os anos setenta, a elaboración do Censo Guía de Arquivos e este ano non será unha excepción e seguiranse asinando convenios e traballando nesta liña.
En canto ás bibliotecas, na descrición dos programas do sector se establece o inicio da edificación da biblioteca do Estado en Vigo, aínda que máis adiante se puntualiza que se trata dun “estudo da proposta de construción”. En todo caso, o resume orgánico de gastos, no que se establecen as dotacións orzamentarias, non aparece ningún epígrafe destinado a este fin. Si que aparecen outros proxectos relacionados con infraestruturas, como os 385.200 euros para reformas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña ou os 70.000 euros para a dotación de infraestruturas teatrais para o concello de Cee.

Canda estas, a memoria de obxectivos dos programas do sector establece que no 2010 se iniciará na construción do Centro Internacional de Recursos sobre a Cultura Europea na Coruña. Xa en Lugo, o Ministerio ten previsto transferirlle ao concello 90.000 euros para a construción do Museo Interactivo de Historia de Lugo; e 150.00 euros á Xunta de Galicia para o desenvolvemento de actividades de restauración da Muralla de Lugo. No caso de Pontevedra, que xa estaba anunciado desde hai meses, transferirán 25.000 euros para a recuperación física do proxecto da Illa das Esculturas ante o seu estado de deterioro. Por último, o concello de San Juan de Beade (Ourense) recibirá 90.000 euros para a restauración da reitoral e a Igrexa de Santa María.

Creación e difusión das artes escénicas e musicais
A través do INAEM e da Subdirección Xeral de Música e Danza, o Executivo ten previsto colaborar no ámbito da produción de espectáculos musicais, líricos e coreográficos, do fomento das actividades musicais e coreográficas producidas por outros axentes culturais. Nese sentido, ten previsto colaborar cos dous grandes certames de ópera que se producen en Galicia para que poidan manter a súa temporada estable: coa Asociación de Amigos da Ópera para o Festival da Coruña ( 254.740 euros) e co Consorcio para a promoción da música da Coruña para o Festival Mozart (90.000 euros). No ámbito do teatro, transferiralle 70.000 euros ao concello de Ribadavia para a celebración da Mostra Internacional de Teatro.


Ademais, a Deputación de Pontevedra tamén recibirá 150.000 euros co obxectivo de continuar co proxecto de musealización do museo da capital da provincia.

O Camiño de Santiago: Xacobeo 2010
O Executivo sabe ben que o 2010 é Ano Santo. Por ese motivo, na súa memoria de obxectivos tamén hai espazo para o Xacobeo aínda que no resume económico e orgánico do orzamento de gastos só aparece unha contía concreta no marco das axudas á Federación de Asociacións Xacobeas do Camiño de Santiago, con 90.00 para actividades de promoción (que se integran no epígrafe de turismo cultural). Sen embargo, na descrición dos programas do sector préstase especial atención ao traballo que desenvolverá o Consello Xacobeo (entidade creada por Real Decreto que ten como misión facilitar a comunicación entre a Administración do Estado e das oito comunidades autónomas que fan parte do mesmo). Nesta liña, establece que no 2010 “prevense as seguintes actividades: difusión permanente do Camiño de Santiago como itinerario cultural europeo; impulso ou coordinación de programas de actividades culturais (musica, teatro, exposicións itinerantes, etc…) e organización ou colaboración en exposicións itinerantes no Camiño de Santiago”. Ademais, puntualiza que é neste exercicio tamén lle corresponde ao Consello Xacobeo xestionar o programa de beneficios fiscais.