Un convenio entre a Xunta e o Ministerio de Fomento permitirá abordar a recuperación dos espazos públicos do Camiño de Santiago a cargo do 1% cultural. O proxecto, que presentou esta mañá o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, investirá 2 millóns de euros en iniciativas de adecentamentos de prazas, lavadoiros e outros elementos situados nas proximidades da Ruta Xacobea. Ademais, abordaranse tarefas de conservación en 12 carballeiras e destinaranse axudas á recuperación de casas, cruceiros, hórreos e bens patrimoniais. Segundo Feijóo, o programa cubrirá polo momento doce concellos polos que transcorre o Camiño Francés, aínda que se prevé a súa ampliación a outras rutas no futuro.