Unha nova convocatoria axuda á recuperación de bens etnográficos

Conta cun orzamento de 300.000 euros e está aberta ata o vindeiro 13 de maio

O Diario Oficial publica hoxe a convocatoria de axudas que fai a Consellaría de Cultura para apoiar a recuperación de bens etnográficos. Cun orzamento de 300.000 euros, os subsidios pretenden favorecer os traballos de conservación e de restauración de elementos patrimoniais coma cruceiros, petos de ánimas, hórreos, pombais, lavadoiros ou alpendres entre outros. Os interesados teñen ata o vindeiro trece de maio para as solicitar, e poden obter ata o 50% do custo de execución do proxecto, con límites de 2.500 euros para propostas de conservación e de 5.000 para restauracións.