Cultura atende as demandas do sector escénico e resolverá en xullo as subvencións deste ano

Os festivais teatrais terán menos axudas e ábrese un tempo “complicado”

A xuntanza entre unha comisión de representantes do sector escénico e o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, celebrada onte resolveuse de xeito moderadamente satisfactorio ao atender á maioría das demandas presentadas polo sector. O pagamento dos atrasos está liquidado ao 90%, segundo Cultura, e os que faltan resolveranse nas vindeiras semanas. Ademais, o conselleiro comprometeuse a resolver as axudas a produción, distribución, compañías residentes, salas e asociacións antes do 31 de xullo. Con respecto aos festivais, Roberto Pascual arrincou o compromiso do secretario xeral de 60.000 euros para a Mostra Internacional de Ribadavia (45.000 por mor do convenio e 15.000 con cargo a fondos Interreg), pero non correron a mesma sorte outros festivais máis próximos no tempo como o de Cangas. “Ábrese un tempo complicado” para este tipo de encontros, asegurou Pascual que asistía no nome de todos eles.

Pero non foron as únicas demandas. Con respecto á organización da Feira Galega das Artes Escénicas, Vicente Montoto explicou que “houbo que convencer ao conselleiro de que era necesario organizala, que se podía recuperar o tempo perdido e que era fundamental” . Ao final, a Feira terá lugar como estaba previsto do 19 ao 23 de outubro de 2009.

Ademais, esta mesma comisión fará seguimento do cumprimento de todos os compromisos verbalizados no transcurso desa xuntanza. A comisión estaba integrada con Ernesto Chao e Luma Gómez por parte de Escena Galega (Asociación de Empresas de Artes Escénicas); Vicente Montoto en representación da AAAG (Asociación de Actores e Actrices de Galicia); Eduardo Rodríguez no nome dos títeres, Ruth Balbís no da danza, Roberto Pascula no dos Festivais e Xesús Ron no das Salas.