Continúan a se incrementar as críticas a enquisa que está a facer a Consellaría de Educación encol do galego no ensino. As máis recentes chegan da man de Nova Escola Galega, colectivo que salienta que a iniciativa está a se desenvolver "sen o máis mínimo rigor científico e metodolóxico" e interpreta que "o resultado da consulta ás familias está cantado de antemán". Pola súa banda, desde a Área de Ensino e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo iniciaron unha campaña informativa encol deste proceso. O departamento envioulle unha carta ás asociacións de nais e pais de alunos da provincia e mais aos centros de ensino incidindo da importancia de manter a nosa lingua nas aulas. Finalmente, a Coordinadora de Equipas de Normalización de Ferrolterra colgou no seu web un manifesto que atribúe a un grupo de docentes de lingua castelá no que estes profesores salientan que "o castelán non sofre ningún tipo de ameaza na nosa comunidade" e rexeitan "a falta de sensibilidade e a carencia de rigor científico que se transluce na consulta". Pola súa banda, Galicia Bilingüe publicou o seu propio texto, no que anima os pais a cubrir a enquisa, considerando a iniciativa supón "un avance positivo".