Méndez Ferrín, a Fundación Barrié e Carmen Sarmiento reciben premios

Recoñecementos de fin de ano

| Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
Compartir:

O escritor Méndez Ferrín, a Fundación Barrié de la Maza e xornalista Carmen Sarmiento veñen de recibir o recoñecemento de varias institucións polo seu labor nos campos da literatura, a promoción da música e a acción en defensa dos desfavorecidos pola sociedade.

Ferrín e a Asociación de Escritores

A Asociación de Escritores en Lingua Galega ven de outorgarlle a Méndez Ferrín o premio ó mellor libro publicado en 1999 pola súa novela "No ventre do silencio", que xa fora recoñecida co premio de narrativa "Eixo Atlántico". A entrega do premio, consistente nunha pluma estilográfica, farase hoxe en Compostela durante unha cea.

A Fundación Barrié e a Coral Polifónica

A Coral Polifónica de Pontevedra distinguiu á Fundación Barrié co premio á entidade que máis aportou á súa actividade. O premio concédese anualmente a aquelas institucións, asociacións ou organismos benefactores da Coral. A entrega da placa esmaltada conmemorativa realizarase hoxe durante a cea que a Coral organiza con motivo da celebración do seu patrón San David.

Carmen Sarmiento e premio Portapaz

O Seminario Galego de Educación para a Paz distinguiu co premio Portapaz á xornalista Carmen Sarmiento "polas súas accións continuas en defense dos marxinados e marxinadas da Terra". Onda este, outorgou o premio "Contrapaz" ó ex-presidente do Círculo de Empresarios de Madrid, Manuel Azpilicueta pola súa proposta de que as mulleres traballadoras financiasen as súas baixas por maternidade. A entrega celebrarase o día 30 deste mes, Día Escolar pola Paz e o aniversario da morte de Mahatma Gandhi.


Que che parece esta nova?
37 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito