A Asociación de Escritores fai de Elena Poniatowska Escritora Galega Universal

A entrega farase o vindeiro mes de maio durante a Cea das Letras

18/12/2008 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura
Compartir:

Foi durante a ultima Feira do Libro de Guadalajara cando o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias, lle ofertou a Elena Poniatowska o galardón de Escritora Galega Universal. Esta narradora e xornalista mexicana recibirá finalmente o galardón o vindeiro mes de maio, durante o transcurso da Cea das Letras que convoca anualmente este colectivo. No seu haber figuran premios destacados coma o Alfaguara, o Rómulo Gallegos ou o Mazatlán entre outros.

Currículo da autora (tirado da AELG):

Elena Poniatowska

Xornalista e narradora, nacida en París o 19 de maio de 1933, filla dunha mexicana, Paula Amor, e un nobre polaco, Jean Poniatowska.. Radica en México desde 1942. Foi bolseira do Centro Mexicano de Escritores, de 1957 a 1958; ingresou no Sistema Nacional de Creadores Artísticos, como creadora emérita, en 1994.

A Segunda Guerra Mundial fixo que a súa nai tomara unha decisión que cambiou a súa vida. Nai e filla partiron cara a México, mentres o seu pai loitaba co exército francés e participaba no desembarco de Normandía. A guerra separounos durante cinco anos. Conservou a nacionalidade francesa ata que casou e se nacionalizou mexicana.

A súa carreira principiou no exercicio do xornalismo, e ten publicada unha obra moi ampla, que inclúe varios xéneros.

Entre os seus textos destacan as novelas Hasta no verte Jesús mío (1969), Querido Diego, te abraza Quiela, (1978), La flor de Lis (1988), Tinísima (1992) e La piel del cielo (2001); os ensaios: Todo empezó el domingo (1963), La noche de Tlaltelolco (1971), Gaby Brimmer (1979), Fuerte es el silencio (1980), El último guajolote (1982), ¡Ay vida, no me mereces!, (1985), Nada, nadie. Las voces del temblor (1988), e Juchitán de las mujeres (1989); as coleccións de contos: Lilus Kikus (1954), De noche vienes (1979), Métase mi prieta entre el durmiente y el silbatazo (1982) e os libros de entrevistas: Palabras cruzadas, Era, (1961), Domingo 7 (1982), Todo México (1990) e Todo México, vol. II (1994).
Acadou múltiples premios entre os que cómpre salientar: Premio Mazatlán 1970, por Hasta no verte Jesús mío; Premio Xavier Villaurrutia 1970 (rexeitado), por La noche de Tlatelolco; Premio Nacional de Periodismo 1978 (foi a primeira muller que recibiu esta distinción) polas súas entrevistas; Premio Manuel Buendía 1987 (outorgado por varias universidades de México), por méritos relevantes como escritora e xornalista; Premio Mazatlán de Literatura 1992, por Finísima; Premio Alfaguara de Novela 2001, por La piel del cielo, e Premio Rómulo Gallegos 2007, pola súa novela El tren pasa primero.

Que che parece esta nova?
36 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Elena Poniatowska, Escritores, Cesáreo Sánchez Iglesias, Feira do Libro...