Os fitos da Galicia Antiga e Altomedieval

Suso Fandiño e Alfonso Mato seleccionan os 25 fitos máis representativos da cultura galega

Son os acontecementos máis destacados da nosa historia. Cada día, o xornal Galicia Hoxe achéganos un novo ata completar os 25 fitos máis destacados. Hoxe achegamos os catro primeiros na etapa: A Galicia Antiga e Altomedieval. “Comeza coa presenza castrexa que se palpa no Castro de Santa Tegra e remata coa secularización da sociedade, na que San Rosendo é a máxima figura” explica Alfonso Mato, un dos responsables do coleccionable 25 fitos da cultura galega que se enmarca nos actos de celebración das vodas de prata do Consello da Cultura Galega.

“É certo que se pode facer un continuum entre a cultura castrexa e a época altomedieval” apunta Mato. “Pártese dunha época que é caracterizada por un tipo de edificación que son os castros, uns asentamentos que son os que nos quedan e do que aínda non sabemos moito. Chegan os romanos, son os que lle dan unidade a este territorio por medio dunhas vías de comunicación. Nomean a isto como a provincia de Gallaecia”. A súa presenza, unida aos suevos, vándalos e alanos que se incorporan con posterioridade vai conformando a identidade de Gallaecia. “Pero logo chegan uns monxes que van ser outra achega importante no sentido típico. Pásase dunha Galicia non pagana a unha cristiá e ese territorio, na última etapa, na altomedieval, vaise consolidar moito máis porque as elites desa época comezan a fundar os mosteiros. E aquí comeza o poder da igrexa”.

O fogar de Breogán: A Galicia dos castros. Fito: O castro de Santa Tegra
Santa Tegra é un dos depósitos castrexos máis visitados e coñecidos de Galicia. Datado entre o século II antes de Cristo e o II despois de cristo. Está situado no monte na desembocadura do Miño, Santa Tegra foi escavado desde primeiros de século. “é un castro moi avanzado, é da romanización e está aí porque é o castro máis lucido de toda Galicia, que non quere dicir que sexa o máis estudado”.

Romanización e latinización. Fito: as murallas de Lugo
A chegada dos romanos a Galicia, é un feito moi coñecido por todos. A implantación das vías de comunicación (en estudo aínda a día hoxe), o numeroso patrimonio relixioso e, a muralla de Lugo son algunhas das pegadas máis visibles deste feito. A muralla foi construída entre finais do século III e principios do IV, comezo do baixo imperio romano. Declaradas patrimonio da Humanidade no ano 2000 pola Unesco, hermanada coa muralla chinesa tres anos despois, ten a honra de ser a única fortificación defensiva conservada na súa totalidade.


Galicia Sueva. O fito: Martiño de Dumio
San Martiño de Dumio foi un apóstolo peregrino. Era húngaro, de onde partiu a Palestina, Roma e a Tours. Nesta última localidade atopa unha embaixada de Teodomiro, rei dos Suevos de Galicia, que buscaba unha receita para curar ao fillo do rei. É por ese feito polo que San Martiño se une a eles e chega ata Galicia para curar ao fillo do rei. Consigue salvalo da súa doenza, ademais de converter ao catolicismo a Teodomiro e todo o reino dos suevos. Fundou o mosteiro de Dumio e iniciou a xerarquía eclesiástica galego-portuguesa.

A floración dos mosteiros. Fito: San Rosendo
“Nesta época ten moito valor a introdución do cristianismo” apunta Alfonso Mato que asegura que “en San Rosendo se xuntan dous feitos: un alto cargo da igrexa e ser membro dunha das familias máis potentes de Galicia. É a expresión do que foi no país a alta nobreza”.

Sobriño do Bispo de Mondoñedo, Rosendo (907-977) foi cara esta parroquia a formarse nas ciencias eclesiásticas. Aínda que hai outras versións da súa historia, din que tamén estudou en Caaveiro. Sucedeu ao seu tío en Mondoñedo, á fronte desta diocese iniciou unha campaña de recuperación de fieis e de bens. Noa no 934 sufriu unha revelación pola que fundou o misterio en Vilar, que acabaría sendo San Salvador de Celanova. Ordoño III nomeouno virrei de Galicia.