Saen un novo disco de Luar na Lubre e as subvencións á industria discográfica

Discos e raíces

"Espiral" é o novo disco de Luar na Lubre, que se presentou o venres na Coruña e o domingo en Madrid. Un disco que inclúe unha homenaxe ó cantautor chileno Víctor Jara e que será promocionado cunha xira internacional. Mentres chega este novo disco a Consellería de Cultura vén de anunciar que dedicará trinta mil euros a subvencionar a industria discográfica. E coñecemos tamén os resultados do III Concurso de Música Tradicional que se celebrou en Arteixo esta fin de semana, no qu eresultou gañador o cuarteto de gaitas Luvas Verdes.

Espiral


Buscando na simboloxía celta e nos petroglifos un labirindo é o símbolo do último traballo de Luar na lubre. "Espiral" é un disco gravado na Coruña con producción do irlandés Donal Lunny. Os membros do grupo consideran este disco "un novo punto de partida" a vocalista Rosa Cedrón canta "El derecho de vivir en paz" en castelán coma homenaxe ó cantautor chileno Víctor Jara. Ademais desta canción, o álbum inclúe outros temas coma "Hai quen di", "Devanceiros" ou "Cantiga de Santa María", mesturando ritmos lentos e rápidos e temas tradicionais con cancións de autor. O disco conta con colaboracións de luxo coma as de Fernando Villar, Elías García ou os irlandeses Nollaig Casey ó violín ou Martin O`Connor ó acordeón.
O lanzamento deste disco coincide co comezo dunha nova xira do grupo, que comezará o vindeiro día catorce en Lisboa e continuará por toda Europa con outros corenta concertos que xa están contratados e que os levarán tamén a Portugal, Andalucía, Hungría e Austria.


Apoio á industria



A Consellería de Cultura vén de anunciar que investirá 30.000 euros para apoiar a industria discográfica galega na forma de subvencións á edición de álbumes. Así, financiarase con ata 1.800 euros cada cassette, disco compacto ou minidisco, o 75% do precio de venda ó público dun máximo do 20% dos exemplares editados. Poderán solicitar estas axudas todas as obras con depósito legal posterior ó 15 de maio do 2001 e que non recibisen outras axudas nin estivesen destinadas a emprego escolar. Con estas axudas a Consellería pretende potenciar a creatividade e o nacemento de novos grupos.


Música tradicional



O cuarteto de gaitas Luvas Verdes de Cecebre fíxose co primeiro premio no III Concurso de Música Tradicional de Arteixo na categoría de maiores de dezaoito anos. Na categoría de inferior idade gañou o grupo coruñés Fonte Suairas. As dúas agrupacións fixéronse cun premio de 210 euros en efectivo.
O concurso concluirá o vindeiro domingo día catorce coa celdlbración do certame de pandeireteiras, no que participan oitenta conxuntos de todo o país. O encontro, que está organizado pola Asociación Folclórica Xiradela celelbrarase de novo no Centro Cívico de Arteixo a partir das dez e cuarto da mañá.