A música anticipa o Día das letras, Avalon e Milladoiro presentan os seus discos

Música exclusiva

Máis música. Música para reivindicar, música para cantar, para aprender e para bailar. Para todos os gustos e para todos os lugares. Comezamos por Santiago onde estes días hai moitas citas: hoxe as rapazas de Avalon presentarán o seu segundo traballo ("Beltaine"), Caixa Galicia ofrecerá a súa "Música para os poetas" e mañá a Real Filharmonía e o Orfeón Terra a Nosa ofrecerán un concerto extraordinario Día das Letras Galegas. En Vigo Milladoiro presentará o seu novo traballo, en Pontevedra a Sociedade Filharmónica pehchou a súa temporada musical e Ferrol prepárase o venres para recibir á Real Filharmonía de Galicia.

Santiago


En Santiago hay estes días música para dar e tomar. E o programa de actos comeza hoxe con dúas citas moi agardadas. A primeira delas é con Avalon, o quintento vigués que volve ó panorama musical cun segundo traballo "Beltaine" e co que pretende retomar o éxito acadado co seu primeiro traballo. Con "Lúa meiga" estas cinco rapazas conseguiron dar moito que falar, cun traballo ben feito que estaba a medio camiño entre o pop e o folc. De feito, foi unha formación revelación que mesmo representou a España no festival Internacional de Música Folk de Miskolc (Hungría). E se no Clube Internacional de Prensa estarán as viguesas, a aula sociocultural Caixa Galicia acollerá a presentación en Compostela do ciclo "Música para os poetas: Galicia en catro tempos". Un recital multimedia que tenta facer un percorrido pola poesía galega de fins do século XIX e do XX. Un recital que percorrerá Galicia durante este mes de maio ten como obxectivo principal acadar unha aproximación á poesía galega contemporánea.
E mañá o Auditorio de Galicia acollerá un concerto extraordinario do día das letras galegas. A Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra a Nosa dirixida por Antón Ros Marbá acompañado pola soprano Nuria Rial, a alto Maite Arruabarrena, o tenor Lambert Climent e o barítono Gabriel Pérez Bermúdez, acompañados por músicso da Catedral de Santiago.


Vigo



A cidade olívica ofrecerá mañá a presentación e a posta a venda do novo disco de Milladoiro "O niño do sol". Un día no que os compoñentes da formación terán moito máis que celebrar que un novo traballo. E que tal día como hoxe en 1979 celebraron o seu primeiro concerto no Auditorio dos Salesianos da Coruña. Entre aquel primeiro concerto e hoxe median 23 anos cheos de cambios e de variacións. Hai 23 anos, dezaseis traballos dicográficos, centros de concertos nacionais e internacionais, e boas críticas. Pero sobre todo moito traballo. Co seu décimosextro traballo seguen fiel á súa esencia, é dicir, á música tradicional do país, chantando as súa raíces na relectura de temas tradicionais mediante combinacións propias. Como "bonus track" Milladoiro ofrece Mikworker, de James Taylor, en versión da estrela folk norteamericana Kathy Mattes.


De Pontevedra a Lugo



A sociedade Filharmónica de Pontevedra acaba de pechar a súa temporada musical de inverno cos música do leste. E fíxoo da man da Orquestra Filharmónica Nacional de Ucrania cun concerto cun programa de Rachmaninov. E se este cicho pecha, o que abre é o concerto que dará a Real Filharmonía de Galicia este venres na concatedral de San Julián, cunha obra de músicos relacionados coa Catedral de Santiago. E para rematar, o concerto que Pablo Milanés dará en Lugo xa ten data e hora. Será o día 30 de maio ás nove da noite. Pero non haberá entradas á venda, xa que as tres empresas que se encargan de organizar o concerto son as que distribuirán as invitacións (ben en forma de agasallo compensatorio na compra, ben por invitación directa).