Entre 7.000 e 25.000 persoas, segundo fale a Policía Local ou a organización, secundaron a chamada da Mesa pola Normalización a se manifestar onte en Compostela Polo dereito a vivirmos en galego. Canda a esta, a fin de semana das Letras deixounos a presentación que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño fixo en Buenos Aires da única gravación orixinal da voz de Castelao que está en mans do Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura. Ademais, Touriño anunciou a presentación este ano dos tres primeiros volumes da serie Miradas Alleas que recollerá a vinculación con Galicia de Julio Cortázar, Ernesto Sábato e Jorge Luís Borges. A serie continuará con autores coma García Márquez, Hemingway ou Graham Green. Finalmente, nos actos de homenaxe a Álvarez Blázquez o pasado sábado en Vigo adiantouse a vindeira celebración dun congreso sobre a súa figura que organizará a Real Academia co apoio da Consellaría de Cultura.