Un ano máis, Galicia conta cun posto propio na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña, que comeza hoxe coa presenza da conselleira de Cultura Ánxela Bugallo. Neste espazo presentaranse un cento de novidades da man de vinte editoras. A maiores, as firmas Kalandraka, Oqo e mais Nova Galicia Edicións estarán presentes con cadanseu posto no maior evento dedicado a este sector editorial do mundo. Entre as obras que estarán presentes atópase unha selección de obras de banda deseñada de autores do país. No marco desta feira, a conselleira de Cultura asinará un acordo de colaboración co IBBY, máximo organismo mundial na Literatura Infantil e Xuvenil, para difundir os autores galegos destes xéneros.