O Centro Dramático Galego suma 16 candidaturas para os María Casares

Os favoritos de María

O teatro galego ten esta noite (Centro Galego de Arte Contemporánea, 20:00 horas) a súa festa. Será a gala para os candidatos dos premios María Casares, que recoñecen as mellores montaxes teatrais do 2007. O Centro Dramático Galego, a unidade de produción mantén o IGAEM, é quen conta con maior número de candidaturas (16 en total) con dúas montaxes: “Noite de Reis”, que suma nove, e “A piragua” con sete. Estas dúas producións, xunto con “As últimas lúas” de Lagarta, lagarta (que suma nove candidaturas) compiten nas categorías de mellor espectáculo e mellor dirección.

Os gañadores dos María Casares saberanse o vindeiro 27 de marzo, Día Mundial do Teatro, na gala que terá lugar no Teatro Rosalía de Castro e será retransmitida pola Televisión de Galicia. Unha gala na que se entregará tamén o premio de honra, o Marisa Soto, que este ano recaeu en Rubén García. O seu traballo á fronte da Mostra de Teatro de Rivadavia, así como as diferentes Feiras de Teatro de Compostela que organizou son algúns dos méritos polos que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia decidiu outorgarlle este galardón.

Con respecto aos finalistas, Ernesto Chao (“As últimas lúas”), Marcos Orsi e Víctor Mosqueira (os dous por “Noite de Reis, ou o que queirades”) compiten como mellor actores protagonistas. Mentres que no apartado femenino están Luisa Merelas (“O burgués fidalgo”), Rebeca Montero (“Noite de Reis, ou o que queirades”) e Susana Dans (por “A piragua”). Esta última fai doblete, xa que a súa interpretación en “Noite de Reis, ou o que queirades” valeulle a candidatura a mellor actriz secundaria, categoría na que compite con Mónica Camaño (“Emigrados”) e Rosa Álvarez (“As últimas lúas”).