A Fundación Barrié acolle unha mostra cos autores galegos da Escola de París

Os pintores galegos do Sena

Artistas galegos que pasaron París e viron a súa pintura influenciada pola Cidade da Luz voltan agora á terra mediante as súas obras. Onda eles, algúns dos máis destacados artistas españois que residiron na capital francesa, todos xuntas na mostra que, desde o vindeiro día dezaoito de outubro, achega á Coruña a Fundación Barrié.

Nexo París




A mostra que abrirá a mediados do vindeiro mes recolle obras de vinte dos principais artsistas españois que residiron en París entre os comezos do século XX ata os anos cincuenta.

Entre eles, atopamos obras de tres dos pintores galegos máis recoñecidos internacionalmente: Manuel Colmeiro, Maruxa Mallo e Arturo Souto. O nexo común entre todos estes pintores foi a súa estancia en París durante unha época da súa vida, o que os aproximou conceptualmente na busca dunha maior liberdade creadora e dun espírito de renovación artística en cadanseu intre histórico.

Así, segundo sinala o comisario da exposición Luis Caruncho, desde comezos do século XX París constituíuse na capital da arte para aqueles que buscaban un concepto máis creativo e máis afastado do academicismo.












Españois onda o Sena


Entre as obras que se poderán ver na Fundación Barrié entre o dezaoito de outubro e o trinta de decembro atópanse nomes sobranceiros da pintura española coma son Picasso, Juan Gris, Salvador Dalí ou Miró, todos eles parte do movemento artístico parisino na primeira metade do século XX.

Onda eles, outros artistas coma Pancho Cossío, Óscar Domínguez, Juan de Echevarría, Luis Fernández, Francisco Iturrino, Manuel Ángeles Ortíz, María Blanchard, Francisco Bores ou Celso Lagarta completan a representación española na mostra.










Galegos onda o Sena


Non foron os únicos que viaxaron á Cidade do Sena, pero a presencia galega na mostra está constituida por obras de Manuel Colmeiro, Maruxa Mallo e Arturo Souto.

Manuel Colmeiro, nacido en Chapa, Silleda, foi a París na posguerra, despois de pasar varios anos de exilio en Buenos Aires.

Pola súa banda, a viveirense Maruxa Mallo coincidiu en París con artífices do movemento surrealista coma Aragón, Magritte, Arp ou Miró, o que a influenciou fortemente no seu propio estilo.
Finalmente, Arturo Souto naceu en Pontevedra e viviu en París a metade da década dos vinte antes de trasladarse a México.