O Pórtico da Gloria sufrirá este inverno unha restauración urxente

Os anos non pasan en balde

O conxunto escultórico máis importante da arte románica precisa coidados. Aínda non pasaron dez anos da última intervención para conservar o Pórtico da Gloria, e xa se prevé para este inverno unha nova restauración que palíe o deterioro que a afluencia turística e o paso do tempo causan na pedra. Segundo sinala un estudio encargado polo Consello de Fábrica da Catedral, o estado da obra é grave.

Ó rescate




O Consello da Fábrica da Catedral acordou na xuntanza que mantivo onte realizar este inverno unha restauración urxente do Pórtico da Gloria ante o grave estado de conservación que parece. O Cabido Catedralicio e a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta acordaron encargar inmediatamente o proxecto de recuperación para que as obras comezen cara finais do outono. Ademais das obras en si, Anxo Sicart, director xeral de Patrimonio, sinalou a necesidade de ordear o acceso dos visitantes ó recinto, que en ningún caso se vería limitado.



















A enfermidade



A acidez das mans dos milleiros de persoas que cada ano tocan as partes máis baixas da estructura do Pórtico é unha das causas máis importantes do deterioro da pedra, xa que impide a correcta aireación do granito. Ademais dase a circunstancia de que moitos visitantes arrincan con navallas anaquiños de pedra, para levalos como recordo. Para remediar isto, prevese que a actuación sobre o Pórtico afecte fundamentalmente á parte baixa da estructura, desde o chan ós dous metros e medio de altura. A restauración consistirá nunha limpeza a fondo e unha reposición de estelas no granito.





Pendente de análise


Para Anxo Sicart, director xeral de Patrimonio da Xunta, o grado real de deterioro do conxunto artístico está aínda por determinar con exactitude, e será necesario que un equipo técnico realize un diagnóstico completo da situación antes de comezar os traballos. Será entón cando se determine a metodoloxía a seguir na restauración e os traballos concretos a realizar.