Muxía abre o museo dedicado a Ramón Caamaño, o fotógrafo da Costa da Morte

Retrato dunha costa

| Santiago.Redaccion | Seccións: Arte
Compartir:

Ós noventa e dous anos tivo que agardar Ramón Caamaño para ver feito realidade un soño que viña reclamando desde hai décadas: A apertura dun museo que albergase a súa obra, internacionalmente recoñecida. Caamaño comezou a súa carreira en 1925 e ten arquivadas máis de oito mil fotografías nas que retrata a paisaxe, os costumes e os habitantes da Costa da Morte, onde desenvolveu toda a súa carreira profesional.

Preinauguración


A pesar de que o museo abriu onte as súas portas, o propio Caamaño aclarou que aínda falta por facer a inauguración oficial, xa que "isto aínda está provisorio, faltan cousas por colocar." O novo centro acollerá arredor de catro mil instantáneas tomadas nos cincuenta anos de actividade do fotógrafo, ademais de uns trinta cadros e abondoso material do artista. Así, poderán verse cámaras fotográficas e cinematográficas antigas, xa que Caamaño foi tamén un dos introductores do cine na Costa da Morte. Trofeos, premios e recordos, coma a primeira petaca que adquiriu cando só tiña oito anos, completan unha mostra que o fotógrafo lamenta non poida ser máis completa. "Aquí non caben nin a metade das cousas que teño para expoñer, e dame pena velas amoreadas nos caixóns", sinala. O museo poderá visitarse en breve no número doce da rúa Matadoiro de Muxía. onde viviu parte da súa vida o homenaxado.




A vida en fotos

O primeiro contacto de Caamaño co mundo da imaxe deuse ós oito anos, cando o seu pai lle enviou desde Cuba unha cámara de cine de xoguete. Máis adiante entrou casualmente en contacto coa fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson cando esta se achegou a Muxía a retratar a zona. Cara a 1930, logo duns anos de aprendizaxe autodidacta, atopámolo no estudio fotográfico de Ksado. Despois da Guerra Civil Caamaño instalou o seu primeiro estudio. Cara a 1947 trasladouse a Corcubión, vila onde desenvolvería a súa actividade ata a súa xubilación en 1975. Durante a súa carreira realizou fotografía dos mais variados temas, desde os oficios e ó mar ata a a paisaxe e as vilas da época. O seu ollo é o mellor documento existente hoxe en día para coñecer toda unha época na Costa da Morte. A súa fotografía destaca formalmente pola súa simplicidade e a súa capacidade de composición, sendo altamente expresiva a frontalidade dos seus retratos.

Que che parece esta nova?
53 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Da costa á rede

Da costa á rede

O web Finisterrae recupera a produción do Batallón Literario da Costa da Morte

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Morte, Costa da Morte, Ramón Caamaño, Muxía...