A fotografía de Alfred Stieglitz chega á Coruña da man da Fundación Barrié

Alfred e Georgia

Un total de 108 fotografías de Alfred Stieglitz poderán contemplarse desde hoxe e ata o doce de agosto na sede da Fundación Barrié na Coruña. Baixo o título "A fotografía de Alfred Stieglitz. O legado de Georgia O´Keeffe" recolle algunhas das obras que O´Keeffe, esposa do fotógrafo, doou ó Museo de Fotografía George Eastman House despois da morte do artista. Stieglitz está considerado coma un dos fotógrafos máis importantes do século XX e foi un dos pioneiros na loita para que a fotografía fose considerara unha arte.

A mostra

A mostra da Coruña é a primeira que se adica a este artista en todo o Estado Español, sendo ademais a única parada en todo o territorio estatal desta mostra. A mostra comprenden 108 fotografías e dezaoito impresións sobre cristal e oito retratos feitos a Stieglitz polos seus amigos. Todas elas foron realizadas entre 1908 e 1935, incluindo os seus primeiros traballos en Europa e as súas fotografías urbanas de Nova York. En todas as súas fotografías pode observarse a perfección técnica e o sentido artístico que o autor buscou para a súa obra.



O legado


As fotografías que se poden ver na Fundación Barrié proveñen do Museo de Fotografía George Eastman House, institución á que a esposa de Stieglitz, a pintora Georgia e Keefe, doou a obra do seu home logo do pasamento deste. Georgia clasificou toda a obra realizada por Stieglitz e, seguindo os desexos deste, enviouna ós principais museos de Estados Unidos, con detalladas instruccións para que as fotografías se conservasen correctamente. O seu traballo, onda o do seu home, foi pioneiro á hora de acadar que a fotografía pasase as ser considerada unha das Belas Artes.








O fotógrafo


Stieglitz, nacido en 1864 en Estados Unidos iniciouse na fotografía cara a 1883, e durante os sete anos seguintes, durante os que viviu en Europa, realizou as súas primeiras exposicións. De volta ó seu país natal e comezou a retratar a cidade de Nova York, un dos temas máis frecuentes nas súas fotos. Logo de integrarse en diferentes asociacións fotográficas tomou as rédeas da revista de fotografía "American Amateur Photographer". Desde ese posto e desde a dirección doutras publicacións, Steaglitz foise consolidando coma o persoeiro máis influente na fotografía norteamericana. Ademais de fundar movementos coma o Photo-Secessionist ou galerías coma a 291, a calidade das súas fotografías e as investigacións artísticas que realizou sobre diferentes métodos fotográficos valéronlle o renome do que aínda goza hoxe en día.