Pintura, fotografía e escultura propostas para a fin de semana

Do pincel ó cicel

| Santiago.Redaccion | Seccións: Arte
Compartir:

O mes de maio chega cargado de exposición por todos os sitios. En primeiro lugar en Lalín o auditorio acolle dende hoxe a exposición "As imaxes de Castelao", nos actos previos á Bienal, que comeza o día 18. En Ferrol, Paco Pestana presenta en "A graxa das metáforas" un percorrido polas súas obsesións escultóricas. E o surrealismo ten outra cita no Museo Granell, esta vez con Jacqueline Lamba, a segunda muller de André Bretón.

Lalín, no mes da bienal


Cando faltan quince días para que dé comezo a V Bienal de Laxeiro en Lalín, o concello comeza os actos culturais previos. E faino con exposicións e conferencias. O primeiro terá lugar esta tarde ás 20:30 no auditorio do Deza coa inauguración da exposición "As imaxes de Castelao", unha fotobiografía, que dará paso á á charla que o día 8 Helena Villar Janeiro ofrecerá no IES Laxeiro. Nos actos previos está previsto que, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, se entreguen os premios do V Premio de Relato Curto Varela Buxán.





Obsesións escultóricas

"A graxa das metáforas" é o título co que Paco Pestana (Peredo, 1949) dá unha volta polas súas obsesións escultóricas. Así, quilos de pallas, sal , diferentes seres da vida animal.... son recreados no que el considera como esculturas poéticas. O artista desvela un especial interese pola naturaleza na súa visión da actualidade. "Nunha época na que está a ter tanta importancia Internet, a miña historia está nunha dimensión de espectador ante a vida e a natureza" declara o artista sobre a súa propia obra.




Surrealismo francés na Granell


A sala Granell acolle dende onte a exposición "Jacqueline Lamba: Primevera, a pesar de todo". Unha mostra que destaca por dous motivos: o primeiro deles por ser a obra da segunda muller do "pai do surrealismo" André Breton, e por outra banda, polo feito de que Jacqueline Lamba e o seu marido compartiron con Eugenio Granell parte do ano 1941 no exilio caribeño.

Que che parece esta nova?
40 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Fotografía, Paco Pestana, Castelao, Lalín...