Artistas, críticos e especialistas repasan as exposicións máis destacadas dos cinco anos do MARCO

Buscar os MARCOS

O venres 19 o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, inicia unha festa que celebra os seus cinco primeiros anos de vida. Unha exposición, “Tempo ao tempo”, e unha festa, con actividades para públicos de todas as idades, servirán para conmemorar este primeiro lustro de vida. Hoxe repasamos a traxectoria analizando as exposicións máis destacadas da man de diferentes especialistas e mañá, analizaremos o presente e o futuro co seu director, Iñaki Martínez Antelo.

“Urbanitas”, “A creación do necesario”, “Escoitar.org” e as diferentes propostas que realizaron no espazo “Anexo” son algunhas das actividades máis destacadas nos primeiros anos de vida do MARCO. Po riso, pedímoslle a especialistas, artistas e críticos, a xente que dalgunha maneira está relacionada con cada unha destas propostas, que as recupere co obxectivo de evocar de xeito breve o que deu de si este primeiro lustro do centro vigués.

As exposicións nas súas voces
Marisa Sobrino foi a comisaria da exposición “A creación do necesario” (2 de abril - 13 de xuño de 2004) coa que realizou unha retrospectiva de carácter reflexivo sobre a importancia do deseño na cultura galega do século XX. Canda ela, destacamos o proxecto Escoitar.org, que se desenvolveu no 2006 e que supuxo espertar o sentido do oído e aprender a ver coas orellas. Precisamente ese espazo, o Anexo, permitiu darlle cabida aos proxectos máis destacados e innovadores que tiveron lugar no MARCO que recupera Jose Manuel Lens, un dos críticos de arte contemporánea máis destacados deste país e que está en permanente alterta con todos movimentos que teñen que ver na arte. E, por último, “Urbanitas” a mostra coa que Iñaki Martínez Antelo se estreou como director e que supuxo achegar a ollada máis fresca da arte contemporánea. E quen mellor para analizala que Natalia Poncela, a crítica de arte e coetánea desa xeración á que sempre ten no foco desde a revista da que é redactora-xefa, “Art Notes”.


Para mañá, día da festa, teremos unha reportaxe na que falaremos co director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, para ver o pasado, presente e futuro dun centro municipal que empeza a ter o seu sitio no contorno da arte contemporánea.