A Xunta crea o Día de Rosalía para fomentar a lectura no país

O plan de ler

Aumentar o número de campañas publicitarias que incidan na importancia de ler; crear eventos como o “Día de Rosalía” ou “Día da poesía” centrados na palabra escrita; crear un carné do Sistema Bibliotecario de Galicia... estas son algunhas das iniciativas que implantará o “Plan de Lectura”. O documento que Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, explicou onte no Parlamento e que contén os principios que rexerán a lectura do país. Analizamos o texto e buscamos as súas claves.

Os obxectivos son por todos coñecidos: mellorar a imaxe social do libro, fortalecer o noso sistema bibliotecario, impulsar a lectura no ensino e para a formación de mediadores da lectura. Para todo iso, a Consellaría de Cultura, en colaboración coas diferentes entidades implicadas no sector, elaborou un plan de lectura que conta cunhas corenta medidas de actuación concretas. E para conseguilo, Cultura vai poñer 50 millóns en todas as iniciativas arredor do libro e 30 concretamente no que ten que ver co fomento da lectura. A día de hoxe, malia que todo o mundo recoñece entender o noso idioma, segundo datos do Plano Xeral de Normalización Lingüística, só o 68% recoñece ler no noso idioma. O plan recibiu o visto bo da Comisión 4ª do Parlamento e entra así na súa recta final para a súa aprobación definitiva.

As principais medidas
Cada obxectivo vén acompañado dunha batería de medidas concretas que explicitan como se vai conseguir. Para conseguir mellorar a imaxe social do libro e da lectura impulsaranse numerosas campañas de publicidade e, dentro delas, reforzaranse as campañas de celebración en datas clave como poden ser o Día das Letras Galegas e crearanse outras como o Día de Rosalía ou o Día da poesía. “Esta é unha medida que xa está en desenvolvemento e que está contemplada na lei do libro, segundo apunta o director xeral de Promoción e Difusión Cultural, Luis Bará, puxemos un calendario que fixa unha serie de citas de referencia da cultura galega e da cultura internacional arredor do libro”. O calendario anual, que se presentou en febreiro, contempla as citas mensuais que tanto Cultura como outros organismos organizan para achegar a literatura á cidadanía. “Non entra en conflicto con outros días das letras que é unha cita moi consolidada e cun formato específico, apunta Bará, porque nós o que queríamos que houbera ao longo de todo o ano, diferentes celebracións que tiveran como protagonismo a literatura”:

Para desenvolver e fortalecer o sistema bibliotecario público de Galicia, melloraranse as bibliotecas publicas e potenciarase a creación doutras novas. Ademais, instaurarase a implantación nas bibliotecas do Sistema Bibliotecario de Galicia dun carné que forneza vantaxes no acceso aos produtos de consumo cultural. Ademais, entre outra das medidas figura o incremento das bibliotecas virtuais en lingua galega. Neste aspecto, Luís Bará matiza que é “un enunciado xenérico que non se trata de crear unha nova biblioteca, como aumentar e potenciar as que xa existen”. Polo tanto potenciarán a liña que desenvolve desde hai varios anos Bivir.com, o catálogo de obras da literatura universal traducidas ao galego. A outra liña á que alude Bará fai referencia á “tradución de textos galegos para que poidan entrar no mercado da venda de dereitos e que se faga a través das editoriais pero que tamén estean dispoñibles na rede”. Esta iniciativa, xa está contemplada nas axudas a traducción recentemente publicadas e rematará por concretarse no anunciado portal Readgalicia.com. O portal de lectura que, segundo figura no plan “recolla textos dixitalizados e enlaces de interese, amais de arquivos con información verbo de persoas ou entidades vencellados á creación, edición, distribución ou fomento da lectura.”

Outra das medidas que cubre todos os obxectivos que cubre este plan é na necesidade de incidir nos mecanismos lectores desde os primeiros momentos da vida.

Os procesos
O “Plan de lectura” é un ambicioso proxecto de carácter transversal que non só afecta á Consellaría de Cultura, senón tamén a outros departamentos. Por iso, existirá unha oficina da lectura que coordinará as diferentes unidades de traballo e fará un seguimento permanente dos resultados. Será esta entidade a que se encargue de establecer un calendario para todas estas actividades que contarán cun horizonte que non vaia máis alá do 2011.

No contexto da lectura
O 2007 comezou coa publicación no DOG da Lei do Libro, o documento xurídico que fai da edición unha industria estratéxica para o país, e que promete revolucionar a nosa relación coas páxinas ao longo dos vindeiros anos. Cun orzamento inicial de máis de sete millóns de euros para iniciar a súa andaina, a Lei do Libro quere subir o índice de lectura en Galicia, modernizar as bibliotecas e abrilas á sociedade e conseguir un sector editorial forte e con acceso aos mercados internacionais. Entre as medidas que contemplaba a lei figuraba a creación dun Consello Asesor que foi creado de maneira oficial o pasado 26 de setembro. Unha figura que substitúe a Mesa do Libro (creada en xuño de 2004) e que elaborará unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro (compilación actualizada da información sobre todos os subsectores da edición e do comercio do libro) e elaborar informes e estratexia para promoción da literatura galega no exterior.


*Actualizado ás 12:05 horas coas declaracións de Luis Bará, director xeral de Promoción e Difusión Cultural