Galicia está nos últimos postos na enquisa de habitos e equipamentos de cultura

Búscanos polo final

Terceiros pola cola en acceso a Internet no fogar, media de de libros lidos nun trimestre, e no grado de interese polo teatro. Cuartos pola cola en número de libros no fogar, en número de visitas aos museos e a depósitos arqueológicos.. son só algunhas das cifras que revela a enquisa de hábitos e prácticas culturais en España relativas ao ano 2006-2007 do Ministerio de Cultura. Uns indicadores que marcan o estado de saúde da nosa vida cultural.

O Ministerio de Cultura acaba de dar a coñecer o seu último macroinforme cultural, un proxecto que pretendía avaliar a evolución dos principais indicadores relativos aos hábitos e prácticas culturales dos españoles e, ao mesmo tempo, afondar en aspectos do ámbito cultural como a adquisición de determinados productos suxeitos a dereitos de propiedade intelectual. O resultado é unha macroenquisa (fai parte do Plan Integral do Gobierno para a Diminución e Eliminación das Actividades Vulneradoras da Propiedade Intelectual) que amosa cales son e como están os nosos hábitos. Neste gráfico resumimos as principais variables:




Os principais indicadores
En comparación co resto do Estado, non nos interesa moito o teatro (terceiros pola cola), nin a ópera (penúltimos), nin a zarzuela (penúltimos), nin a danza (terceiros polo final, empatados con Aragón, Ceuta e Melilla). Por que? Segundo os enquisados, principalmente, por falta de interese dos espectáculos. Malia isto, as cifras de asistencia a espectáculos de artes escénicas son un pouco mellores: o número de medio de veces que imos ao teatro é de 1,8, o que nos sitúa sextos en todo o Estado.

As cifras de asistencia a museos, monumentos e arquivos tampouco nos deixan moi ben parados. Somos quintos en visitar museos e monumentos, oitavos en entrar en galerías de arte e cuartos en ver depósitos arqueolóxicos, iso si, todos estes postos empezando polo final.

En canto a infraestrutura de equipamentos culturais no fogar, a situación equipárase nalgúns campos: temos menos vídeos VHS e DVD pero estamos á cabeza aparatos de televisión. En canto á lectura, os indicadores seguen a ser mellorables: penúltimos en lectura, terceiros pola cola en interese pola lectura de libros non relacionados coa profesión e os estudos.

A evolución O anterior informe deste tipo que elaborou o Ministerio de Cultura data de 2003, aínda que a enquisa actual é máis completa, mantén as mesmas variables, o que nos permite tirar algunha conclusión. Pero son desoladoras. Algúns dos principais indicadores revelan descenso no noso hábito de consumo cultural. O número medio de veces que se vai ao cine no trimestre descendeu de 4,8 a 3,5 e a porcentaxe de asistencia pasou do 37,4 ao 26,9. Tamén descendemos nos postos de visita a museos, galerías de arte e arquivos. En todo caso, todas estas cifras hai que enmarcalas dentro do contexto xeral, que revela unha descenso generalizado en todo o Estado.

En todo caso, si hai unha cifra significativa na evolución destes anos, que é a que fai referencia á música. Un incremento de case vinte puntos revela que a música gaña adeptos e que cada vez escoitamos máis música. A aparición de internet como plataforma para escoitar música, fai mella no hábito de consumo que destaca unha maior popularización.

Polo demais, o estudo fai especial fincapé en coñecer os nosos hábitos de consumo no que respecta á forma de adquisición de determinados productos suxeitos a dereitos de propiedade intelectual, unha base que permitirá ao Ministerio marcar a súa política cultural neste campo para os vindeiros anos.

A perspectiva non deixa de ser certamente desoladora, haberá que agardar a ver o vindeiro informe para comprobar se esta tendencia á baixa se consolida ou, pola contra, melloran as cifras e, con elas, a nosa saúde cultural.