Os eventos para celebrar os 125 anos de teatro galego marcan a axenda cultural galega ata fin de ano

Aniversario con butacas

Non todos os días se celebra un século e cuarto. O teatro galego cumpre este trece agosto o seu 125 aniversario, e con esta ocasión, a Consellaría de Cultura organiza toda unha serie de propostas para celebrar a data. Por exemplo “Un país desde as táboas”, a ampla mostra que recolle con documentos inéditos o longo camiño das nosas táboas, é un dos pratos fortes que se poderá ver por todo o país nos vindeiros meses.

Realmente, o de facer 125 de teatro ten a súa importancia. A estrea de “A fonte do xuramento” en 1882 marcou o comezo da nosa escena moderna. “A arte dramática estivo na nosa cultura desde moito antes, ben dentro do relixioso ben como factor lúdico”, explica Carlos Biscainho, comisario da mostra “Un país sobre as táboas”. “O evento que conmemoramos supón un punto de inflexión porque reivindica unha cultura específica, cunha lingua propia e mediante sinais de identidade diferenciados”, completa. Neste sentido, as propostas da Consellaría de Cultura queren dar a coñecer esa traxectoria das artes escénicas no noso país.

A mostra
Sobre a exposición que comisaria, Biscainho explícanos que “a idea era trazar unha liña que amosase de xeito global a espectacular produción galega desde `A fonte do xuramento´”. Nese sentido, a mostra fai un amplo percorrido tamén polas formas populares de teatro que existían antes desa estrea e que se mantiveron ao longo dos anos na nosa cultura tradicional. Logo de tratar esa institucionalización do teatro que coincide co Rexurdimento, a mostra afonda nos movementos de renovación que esta arte viu ao longo das primeiras décadas do século XX. “Nestes anos houbo intentos para que o teatro chegase a todas as camadas sociais. Por unha banda queríase gañar o público das vilas cunha literatura vencellada ás vangardas europeas, e pola outra pretendíanse manter os riscos diferenciadores que lle daban o favor popular”.

A evolución
Aínda que a produción fose escasa, tamén se trata o período do Franquismo, atendendo á produción no exilio, con Seoane e Blanco Amor, canda ao traballo de autores coma Cunqueiro na terra. Todo isto en esquecer propostas puntuais coma o teatro escolar no colexio Fingoi ou o teatro de monicreques de Barriga Verde. O teatro afeccionado do grupo compostelán Ditea, que en 1970 dá o paso á lingua galega de xeito pioneiro, o nacemento da mostra de Ribadavia e a eclosión do teatro independente de mediados desta década contarán tamén co seu espazo. Finalmente, a exposición amosa o proceso de profesionalización do sector das últimas décadas, coa aparición de diferentes compañías e do Centro Dramático Galego.

Imaxes inéditas
Para alén dos paneis que supoñen o groso dos contidos da mostra, en “Un país sobre as táboas” pode verse tamén un documental, de arredor dunha hora de duración, no que se amosan por primeira vez varios documentos audiovisuais da historia do noso teatro. “Se ao facer a mostra tiñamos unha intención divulgativa, ó final sumouse tamén un labor de recuperación do patrimonio”, explica o comisario. “Fomos atopando pequenas xoias segundo falabamos cos protagonistas vivos desta historia, material que estaba gardado e que era unha boa oportunidade de dar a coñecer”, completa. Nese sentido, poderemos ver desde un entremés popular gravado en 1978 ata o testemuño dos protagonistas da estrea de “Os vellos non deben de namorarse”. Declaracións de Castelao sobre a súa obra, unha entrevista con Cunqueiro, outra con Blanco Amor a música orixinal que compuxera Chico Buarque para “A comedia da oliña” de Ditea. Fragmentos das obras do movemento asociativo nos anos sesenta e setenta e declaracións de protagonistas desta época mestúranse nunha proxección que “acada que o banco para a ver quede pequeno, moita xente acaba enganchada e olla toda a proxección”, explica Biscainho.

Celebración ao vivo
Para alén da mostra, que se poderá ver ata finais de ano en dez localidades da nosa xeografía a coincidir con diferentes eventos teatrais, está previsto que toda unha serie de actuacións enchan o país. En total serán nada menos que 125 funcións, a cargo de vintecinco compañías galegas, as que se achegarán a diferentes vilas e cidades. Será entre o 14 de agosto e o 30 de setembro, e Cultura asegura que, coa intención de chegar a novos públicos, estas representacións serán en moitos casos en espazos non convencionais. Deste xeito, lugares ao aire libre, hospitais, praias ou lonxas acollerán eventos teatrais que se verán complementados con diferentes actividades e iniciativas de promoción. Visto o visto, vai ser difícil quedar á marxe. Co aniversario do noso teatro temos unha boa ocasión para lle coñecer a historia e mais a realidade actual. É cousa de aproveitar, que 125 anos no se fan todos os días.

Guía para coñecer Un país desde as táboas.
Unha breve introdución aos contidos da mostra que celebra os 125 anos do teatro galego.