Máis teatro universitario, danza e cine enchen os patios de butacas

Táboas e proxectores

O teatro universitario continúa en marcha. Se onte falabamos do encontro que se está a celebrar en Ourense, hoxe toca a III Mostra de Teatro Universitario de Vigo que comezou onte. Ademais atopamos as mostas de danza moderna que organiza o IGAEM, un ciclo de cine oriental na Coruña e unha nova película do Cineclube Padre Feijóo de Ourense.

MITEU en Vigo



A Aula de Teatro do Campus de Pontevedra abriu onte a III edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU) de Vigo, que se desenvolverá no Auditorio do Concello ata o vindeiro sábado. No encontro participan compañías das universidades de Santiago, Vigo, Tegucigalpa e París, e está a organizado pola compaía Teatro de Ningures. As representacións son abertas e gratuítas. Este festival coincide co MITEU de Ourense, e en breve celebrarase outro encontro en Pontevedra.


Danza Moderna


O Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) progamará, a partir do día vinteún deste mes, catro mostras de danza moderna nos concellos da Estrada, Ribadeo, Santiago e Cangas. Nestas mostras participarán as compañías galegas Druida Danza, Ballet Estudio e Dobre Xiro Danza, e os grupos barceloneses Mar Danza e Nats Nus Dansa. A primeira mostra programada celebrarase os días 21, 28 e 29 deste mes no Teatro Principal da Estrada, estando as funcións programadas para as oito e media da tarde. A continuación a danza visitará Ribadeo do 8 ó 11 de maio, Santiago, entre o 16 e o 20, e Cangas, entre o 23 e o 26 de xullo.


Cine

Desde hoxe mesmo e ata o día seis de xullo, o Centro Galego de Artes da Imaxe ofrecerá na súa sede da Coruña o ciclo "Novas miradas de oriente" que recollerá vinte traballos de cineastas de China, Taiwan, Hong Kong, Corea, Xapón, Filipinas e Tailandia realizados nos últimos dez anos. A lección destes países responde, segundo os organizadores, a que se trata das cinematografías máis emerxentes do panorama mundial. Entre os cineastas escollidos poden atoparse nomes xa consagrados coma Takeshi Kitano ou Zhang Yimou onda outros pouco coñecidos coma Edward Yang, Zhang Yang ou Fruit Chan entre outros. Pola súa banda, o Cineclube Padre Feijóo de Ourense continúa o ciclo "Os dereitos humanos" coa proxección da película "O proceso" realizada por Orson Welles sobre a obra homónima de Kafka. O filme poderá verse mañá en sesión de oito e media da tarde e once da noite na Casa da Cultura de Ourense.