Un cuarto de século nas táboas do Carballiño

O Festival de Teatro Galego da Vila do Arenteiro celebra a súa nova edición

Esta mesma mañá presentábase no Carballiño a 25 edición do Festival de Teatro Galego. A cita, fiel á súa intención de amosar as iniciativas que se desenvolven nas nosas táboas, desenvólvese entre o 2 o 5 de setembro na Vila do Arenteiro. Constituído xa como un referente para a escena, este evento que permite tomarlle o pulso a evolución do teatro do país.

Facer un festival no que se puidesen contemplar as producións máis importantes que cada ano subían ás táboas en Galicia. Esta é a aspiración coa que a Asociación Fetega botaba a andar, hai xa 25 anos o Festival de Teatro Galego do Carballiño. Con plena saúde, o encontro bota a andar entre os días 2 e 5 de setembro cun intenso programa. Segundo apunta Josi Lage, actual directora do evento, "o proxecto botou a andar da man de Xan Pinal, que este ano recibirá o premio honorífico do Festival. A idea era ter unha programación de calidade na que se puidese ver o mellor do teatro galego cada ano".

O programa
Nesta xeira de aniversario, o encontro achega unha programació para adultos que conta coas actuacións de Lagarta Lagarta a presentar O país do Pato Donald, o Misterio Cómico Teatro do Morcego, o musical Bye, Bye honey de Obras Públicas e mais o espectáculo Impreuna a cargo de Pistacatro. En paralelo, os espectáculos para público infantil e familiar, de balde, irán a cargo de Ghazafelhos, con Contos de lobo, Raquel Queizás e os seus Nanocontos, Fantoches Baj, que contará a Fábula galénica, os Maxicosons de Martín Camiña, A Tropa de Trapo e Antía, Wamba e o regato pequeno e mais A nena e o grilo de Magín Blanco. Ademais, o programa inclúe obradoiros de malabares e de instrumentos do mundo, a clase maxistral A danza das emocións a cargo do director Etelvino Vázquez e actuacións sorpresa de magos do ribeiro en diferentes establecementos colaboradores. A Casa da Cultura, o Teato e mais o Auditorio da Vila compartirán estes días as actuacións do programa.

Unha ollada ao sector
O tempo transcorrido fai desta cita un evento único para verificar a evolución do panorama escénico do país. Segundo recoñece a directora "a situación xeral do sector é amolada, con cifras de paro do 85 ou 90 por cento", sinala. A crise afecta tamén a nivel artístico ao tipo de proxectos que se desenvolven na escena galega. "Agora fanse moitos máis espectáculos de pequeno formato con un ou dous actores, nin sequera mediano, mentres antes se apostaba mais por espectáculos grandes". A nivel temático, "as compañías poida que tiren máis pola comedia, mentres antes se atrevían máis con dramas e textos clásicos. Saben que, tal e como está a situación, a xente precisa de rir".

Evolucións
O papel do propio evento no conxunto do sector tamén foi mudando co tempo, segundo recoñece a directora. "Antes había moitos máis festivais de teatro galego, como o de Cee, e os internacionais metían máis obras do país", apunta. "Hoxe somos nós o único festival totalmente galego que se mantén", asegura. O propio festival tivo a súa evolución ao longo do tempo. "Agora contamos cun auditorio adaptado a eventos deste tipo, antes empregabamos os cinemas Rivas e Alameda. Tamén nos últimos anos sacamos o teatro a rúa e metémolo tamén na Casa da Cultura. A propia dimensión do programa mudou e agora chega a ser o dobre que ao comezo", sinala Lage. "Xa desde o comezo o evento contou con compañías moi potentes, estivo mesmo o Centro Dramático Galego, sempre a procurar unha programación de calidade".

A pegada local
O esforzo semella ter pagado a pena, xa que, tanto na vila como fóra dela, o evento é todo un referente. "Somos a segunda actividade que trae máis xente a Carballiño logo da Festa do Pulpo" explica a directora. Estudos da organización teñen mesmo verificado o impacto económico positivo que ten o Festival sobre a vila. "A xente agarda polas datas do festival, que está xa moi integrado na vila. Saben xa que é a semana anterior ás festas de setembro. Entón pásanos que moitas veces non cabe a xente nas obras ou quedan a velas polas escaleiras das salas". De feito, moitas das achegas económicas que permiten o desenvolvemento deste proxecto veñen de pequenos comercios. "Dan o que poden, dez ou corenta euros, porque confían en nós e saben que cada peso que se inviste volta a eles doutro xeito. Estamos moi contentos co apoio que temos a nivel privado". Esta implicación, canda a doutros patrocinadores, permite que o financiamento do evento se distribúa por igual entre fontes públicas e privadas. Nesta última edición, a organización acadou incrementar a partida en 6.000 euros a respecto da anterior edición, ata 24.000. Canda isto, no entretanto, sinalan que "a nivel de entidades públicas temos que pelexar cada ano o apoio, pero pensamos que é un evento moi necesario e seguiremos a traballar por el.