O sector concreta medidas para a profesionalización das artes escénicas

Argallando no plan

Non será ata novembro, nunhas xornadas de presentación, cando coñezamos o contido final do Plan Galego das Artes Escénicas. Un ambicioso plan que pretende organizar a escena galega para sitúala nun lugar preferente na realidade social e cultural. De momento, todas as partes implicadas en facer o teatro do país, reúnense para dar a súa opinión e facer que o plan sexa cousa de todos. O teatro ten un plan e os seus representantes coméntano con nós.

O contido do propio borrador do “Plan Galego das Artes Escénicas” xustifica que sexa agora o momento no que o teatro define o seu futuro. É precisamente agora, porque é cando se cumpren 125 anos da primeira representación galega que encherá as rúas de Galicia de actividades. E mentres o teatro festexa na rúa, na casa, os seus representantes debaten sobre o seu futuro. Cristina Domínguez, directora do Centro Dramático Galego (CDG), Natalia Balseiro directora do Centro Coreográfico Galego, Celso Parada, representante do colectivo de profesionais reunidos baixo o nome de “Escena Galega” e Vicente Montoto, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia coinciden en destacar dous aspectos: a oportunidade e a súa importancia.

O proceso
Para Cristina Domínguez, “o importante é a visión integral que parte do IGAEM e se move ao redor das artes escénicas. Que na mesma mesa estea a administración local e a autonómica, sendo esta representada non só por Cultura, senón por Educación, Industria e Innovación; paréceme fundamental para abrir as artes escénicas a outros lados dos que ata agora estaba excluído”. Un aspecto no que tamén incide Vicente Montoto, presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que asegura que “o Plan é ambicioso, e abrangue aspectos que afectan non só a actividade profesional nas Artes Escénicas de Galicia, senón a moitas outras dimensións socio-culturais das mesmas. Ten unha dobre transversalidade: unha que vai desde o ensino, o asociacionismo, a formación continua, a promoción nos medios de comunicación públicos, ata a actividade profesional (empresas e traballadores) nese eido. Outra que involucraría tanto á Consellería de Cultura como ás de Educación, Industria, á CRTVG, ás Universidades e outras áreas do Goberno da Xunta de Galicia, así como ós Concellos e Deputacións, ou ás entidades financeiras públicas (IGAPE) e privadas”. Un total de sesenta persoeiros de diferentes ámbitos pero relacionados dunha ou doutra maneira reúnense en diferentes mesas (sociocomunitaria, creación, industrias culturais, distribución e promoción) coordinadas por unha comisión nun proceso que pasa agora polo seu ecuador.

Celso Parada, representante do colectivo “Escena Galega” asegura que a iniciativa é moi positiva “pero que o período de tempo no que se establece o procedemento nos parece moi curto, aínda que esperemos que chegue a bo porto”.

Todas as fontes consultadas aseguran que nesta primeira xuntanza, máis que abordar medidas concretas, o que se fixo foi unha análise dos problemas estructurais. Vicente asegura que había que “definir prioridades, facer concrecións e iso completouse”. A segunda das xuntanzas (que posiblemente teña unha terceira) será despois do verán. Será entón cando, segundo Vicente Montoto “se deberá entrar nunha concreción en relacións con contidos, a definición de competencias dentro do Goberno galego para o seu cumprimento, e as dotacións orzamentarias que o fagan posible”. Esta última é unha cuestión de vital importancia para o representante de “Escena galega” que asegura que “todas as medidas dependerán ao final da vontade orzamentaria que posibilitará a execución do proxectado. A filosofía é chegar a un plano de mínimos que poida facer posible a definición do proxecto e estamos nun momento estratéxico no que sí se pode conseguir”.

O borrador
O Plan Galego das Artes Escénicas é un ambicioso proxecto que se organiza ao redor de cinco eixes: o da formación e creación artística, o da integración das artes escénicas na vida comunitaria, o das industrias culturais, o dos mercados e os públicos e o da proxección exterior. Cinco liñas de actuación que contan con medidas concretas como o incremento a ampliación da rede de espazos escénicos, impulsa a figura dos teatros asociados ao Centro Dramático Galego para acadar unha maior difusión das súas producións, creación de programacións anuais de carácter temático, e deseñar plans formativos de animación escénica. Son algunhas accións concretas que figuran no borrador, pero cada entidade acode coas súas propostas.

“Para a Asociación de Actores e Actrices de Galicia o plan recolle aspectos salientables, asegura Vicente Montoto, como é a importancia que se dá á consecución dun convenio colectivo (xa en fase de proposta pola nosa parte para a negociación coas compañías de teatro privadas e co CDG), o recoñecemento do asociacionismo profesional e o compromiso de dotar de medios as asociacións para o cumprimento dos seus fins. E non menos importante é o recoñecemento do noso papel de interlocutores ante as diversas administracións, ou a institucionalización da formación continúa nas Artes Escénicas”. Pola súa parte, Celso Parada asegura que para “nós fundamentalmente é crear un tecido empresarial que fomente o emprego, é un dos problemas principais é que os actores non dan traballado nin un ano. O primeiro que pensamos é crear un tecido empresarial que fomente o emprego porque é o máis básico. Logo fundamentar proxecto solidos como compañías residentes e núcleos creativos estables, xa que pensamos que é un dos camiños para consolidar o que hai; ademais de fomentar as iniciativas tanto de xente nova como de novas tendencias. Pensamos que hai un problema grandísimo de distribución polo que hai que mellorar a rede e a circulación dos espectáculos”. Pero para todo isto fan falta cartos e, como asegura o representante da Asociación de Actores e Actrices “dentro dos poucos compromisos orzamentarios que figuran no borrador do Plan, son de agradecer aqueles que fixan unha mellora das dotacións económicas para a producción e distribución, determinantes a hora de xerar traballo. Non menos importancia damos o compromiso de artellar fórmulas para unha mínima estabilidade laboral, da que o sector está moi necesitado. O apoio ás compañías residentes, ou as propostas de proxectos de producción bi e trianual, condicionadas a esa estabilidade, van no bo camiño”.

Neste esquema, Cristina Domínguez apunta o papel determinante do Centro Dramático Galego porque “forma parte dese plan xa que é o teatro institucional e creo que é importante que estea aí porque ao mesmo tempo as medidas que se tomen desde o CDG poden ser exemplarizantes á hora de levalas a cabo. É o teatro institucional e ten máis posibilidades de desenvolver medidas, por exemplo, de apoio á creación, de novos creadores, de novas maneiras de distribución de espectáculo e unha relación moito máis intensa coas novas tecnoloxías aplicadas ás artes escénicas no CDG”

Xa na mesma reunión de coordinación e presentación do Plan, a AAAG reclamou “un recoñecemento explícito do papel xogado polas Artes Escénicas, e de xeito moi determinante polo Teatro, na consolidación dun sector profesional que nace a partir das Mostras de Ribadavia, hai uns 30 anos, que non se recolle na presentación do documento”.

Pola súa banda, Natalia Balseiro explica que "o Plan na sua globalidade é moi importante para o Centro Coreográfico e para o sector da danza pois o que ten de bon este plan galego das artes escénicas é que aborda a planificación estratéxica das artes escénicas dende tódolos ámbitos necesarios: a dignificación profesional, a educación e a formación profesional,o apoio á investigación e á incorporación das I +D+ I aplicadas ó mundo profesional, a creación, producción e a distribución, a difusión exterior,os espazos de traballo, o coñecemento e a rentabilización de recursos existentes e interconexión entre as áreas profesionais e os diferentes sectores das A.E. etc..."

Son só algunhas das cuestións que se están a abordar, haberá que agardar ata despois do verán para ver qué como se concreta este proceso de participación que conta tamén cun enderezo de correo electrónico para que os cidadáns tamén poden facer as súas achegas.