Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / O WOS Festival presenta un formato reducido para a súa celebración

TERá LUGAR DO 10 AO 12 DE SETEMBRO EN DIFERENTES ESPAZOS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

O WOS Festival presenta un formato reducido para a súa celebración

ALTERNATIVA | agosto 26, 2021

imaxe non dispoñible

Un número reducido de entradas adaptado a cada un dos diferentes espazos será unha das características da Vª edición do WOS Festival x SON Estrella Galicia que volve este ano a celebrarse en Santiago do 10 ao 12 de setembro. O programa conta con estreas internacionais de música e cine na súa liña multidisciplinar e de poñer o foco en talentos contemporáneos de vangarda aos que non resulta doado acceder nos circuítos máis comerciais. Nesta edición especial, a selección musical amosa unha ampla gama de proxectos ambient e minimalistas, ideais para a escoita e a experiencia nun formato sentado. A estadounidense Eartheater, o pianista ucraniano Lubomyr Melnyk e o keniano KMRU lideran a programación musical. No apartado audiovisual, as directoras Lisa Rovner e Caroline Catz presentarán as películas 'Sisters with Transistors' e 'Delia Derbyshire: The Myth and the Legendary Tapes'. Nesta edición, o programa de cine do festival pon en valor e visibiliza o papel transcendental dunha serie de mulleres na historia da creación contemporánea e a música de vangarda.

As entradas estarán dispoñibles o luns 30 de agosto ás 12:00h e poderán adquirirse a través da web do festival (wosfestival.es). Debido aos protocolos sanitarios vixentes, os diferentes espazos terán un aforo moi reducido. Nos próximos días desvelarase o resto da programación, que terá carácter gratuíto. Ademais dos xa habituais Talks, orientados a pensamento e debate, o programa incluirá un conxunto de actividades que terán lugar en diferentes localizacións exteriores en Santiago de Compostela. O festival é unha iniciativa da produtora compostelá WORK ON SUNDAY. Conta co patrocinio de SON Estrella Galicia e co apoio institucional do Concello de Santiago de Compostela, Deputación Provincial de A Coruña e Xunta de Galicia a través de AGADIC, Fest Galicia e Xacobeo 21-22.

Ligazóns