Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As votacións populares manteñen a máis de vinte artistas galegos semifinalistas nos Premios MIN
As votacións populares manteñen a máis de vinte artistas galegos semifinalistas nos Premios MIN
febreiro 13, 2020
Ata 22 nomes da escena musical galega obtiveron apoios populares a través das votacións na rede para manterse como semifinalistas nos Premios MIN da música independente española que este ano celebra a súa 12ª edición. Deste xeito músicos e grupos galegos de moi diversos tipos acadan presencia no panorama estatal e a escena musical do país está representada en 9 categorías ademais da propia de Álbum en Galego. Por acumulación os composteláns Novedades Carminha, grazas ao traballo feito no 2019 tras o lanzamento de Ultraligero (Ernie records) son os máis presentes con catro postos de semiginalistas en categorías tan importantes como Mellor Artista, Mellor Directo, Álbum do ano e Mellor álbum Pop. Xustamente nestas dúas últimas categorías, ademais deno Álbum de Músicas do Mundo e Fusión é nas que a música galega ten máis presenza. Tanto Agoraphobia con Unaligned(DotBeat) como Tanxugueiras con Contrapunto (Calaverita Records e PlayPlan) seguen entre os semifinalistas de Mellor Álbum do 2020. Na categoría de discos pop, ademais de Novedades os votos do público serviron para manter vivas as opcións de Guadi Galego co plurilingüe Immersión (Altafonte) e de Presumido co seu Cuatro estaciones (Presumido records). Repiten Tanxugueiras entre os 15 semifinalistas de músicas do mundo e fusión, categoría na que tamén se manteñen Budiño con Fulgor e Najla Shami co disco-libro Ela sabe a sol (Ed. Galaxia).
Nesta terceira fase do certame son de destacar as tres posicións semifinalistas que tamén puideron manter co apoio popular A Banda da Loba (Mellor Artista, Canción do Ano por Anagnórise, Álbum en Galego) e a presenza de Heredeiros da Crus en dúas categorías con Derretidos (Dotbeat), a de Mellor Álbum de Rock de 2020 ( na que tamén compiten coas súas veciñas do Barbanza e colegas de selo discográfico, Agoraphobia). Como representación das músicas urbanas da nosa terra tanto Wöyza como Dios Ke Te Krew acadaron as votacións precisas para entrar nas quinielas do xurado e ademais estes últimos están tamén na categoría dos Discos en galego do 2020. A presenza galega a completan tamén o Xacobe Martínez Antelo Trío entre os elixidos para Mellor Álbum de Jazz por Capturas (Minoría Absoluta) e Xoel López na de Mellor Directo. Ao Mellor Álbum en galego do ano os 14 aspirantes que se manteñen na competición son A Banda da Loba, Boyanka Costova, Budiño, Dios Ke Te Crew, Evoéh, Faia, Familia Caamagno, Grilo, Heredeiros da Crus, Marcelo Dobode, Os amigos dos músicos, Pandeireteiras de Verducido, Son Trío e Tanxugueiras. Os gañadores coñeceranse o vindeiro 11 de marzo nunha gala que se celebrará no Teatro Circo Price de Madrid.
Tamén che pode interesar:
- 28/ 2/ 2020 | Cinco bandas finalistas compiten polo Premio MIN de mellor disco en galego de 2019
- 28/ 1/ 2020 | Quince propostas compiten polo premio MIN ao mellor álbum en galego
- 4/ 10/ 2018 | Festivais como o Resurrection, SonRías Baixas o PortAmérica compiten nos Premios Fest
- 22/ 5/ 2014 | Triángulo de Amor Bizarro aspira a 5 dos Premios da Música Independente