Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual chega á súa cuarta edición

O EVENTO INCLúE A INTERPRETACIóN DUNHA SUITE A PARTIR DA BANDA SONORA DE ‘SEMPRE XONXA’

A SEMUÁ-Semana das Músicas do Audiovisual chega á súa cuarta edición

BSO | outubro 24, 2019

imaxe non dispoñible

Esta semana que pon o foco no elemento musical das produción audiovisuais, organizada pola Academia Galega do Audiovisual co apoio do Concello da Coruña, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Banda Municipal de Música da Coruña, celebrarase entre o 27 de outubro e 1 de novembro na Coruña, baixo a dirección artística unha vez máis do compositor Nani García e co obxectivo de revalidar o éxito de público das tres edicións anteriores. A Semana das Músicas do Audiovisual-SEMUÁ, pon en valor o traballo dos profesionais da composición, produción e interpretación das músicas que acompañan as obras audiovisuais a través dun programa suxestivo que abarque a público de todas as idades. Na súa cuarta edición, a SEMUÁ dedicará unha especial atención á figura do pianista e compositor arxentino Federico Jusid, compositor de bandas sonoras para máis de 60 películas e 30 series de televisión, entre as que destacan títulos como El secreto de sus ojos, Gran Reserva, Loving Pablo ou Fariña entre outras moitas. Jusid dirixirá á Orquestra Sinfónica de Galicia no Teatro Colón dentro do programa As nosas músicas; no que serán interpretadas algunhas das súas partituras máis coñecidas xunto a pezas dos compositores galegos Manu Riveiro e Pablo Barreiro, entre as que destacan unha suite a partir da banda sonora do filme galego Sempre Xonxa no trixésimo aniversario da súa estrea.

Concertos didácticos e clase maxistral
A SEMUÁ mantén a súa oferta formativa no programa coa actividade Concerto en Familia, na que a Banda Municipal de Música de A Coruña, dirixida por David Fiuza, interpretará o domingo 27 de outubro bandas sonoras de filmes como Bienvenido Mr. Marshall (Luis García Berlanga, 1953) ou Capitán Trueno (Antonio Hernández, 2011), entre outras. Por último, na Semana das Músicas do Audiovisual a formación e os encontros volven ser protagonistas, desta vez cun obradoiro impartido polo compositor e produtor musical hispanoarxentino Lucio Godoy que compuxo máis de cincuenta bandas sonoras para longametraxes como Los Lunes al Sol, Los girasoles ciegos, ou El corredor nocturno e traballou na produción musical das bandas sonoras de filmes como Mar adentro, Los otros, Todo sobre mi madre, Los amantes del círculo polar e Mi vida sin mi, entre outras. Nesta clase maxistral, o compositor explorará as distintas fases que se percorren dende o silencio musical ata a banda sonora definitiva, a través de exemplos prácticos con composicións do propio Godoy.