Agoraphobia van a por todas con Incoming Noise
outubro 30, 2017
O primeiro disco de longa duración das barbanzanas Agoraphobia Incoming Noise (Autoeditado) chega cando xa levan anos conseguindo recoñecementos. Gañadoras este mesmo ano do IV Premio Martín Códax da Música en Galicia na categoría de Rock e do Vodafone yu Music Talent de 2013, nos últimos anos subiron aos escenarios de festivales nacionais como Brincadeira Festival, Monkey Week, Portamérica, Sunshine Festival, Vértigo Estival ou Low Festival, entre outros, veñen de actuar no festival Posporos de Manila en Filipinas e pasaron dous anos consecutivos polo prestixioso festival South by Southwest (SXSW) de Texas. Incoming Noise, supón para elas un "paso de madurez profesional e persoal" co que presentan un novo estilo sonoro. O grupo ven de facer unha presentación previa durante o encontro profesional da industria musical BIME de Bilbao e o disco xa está desde o pasado venres nas plataformas dixitais e sairá á venda na edición dixital o venres día 3 de novembro.
O día 4 preséntanse en Madrid na Sala El Sol con este novo traballo e posteriormente empeza unha xira por terras galegas que a banda xa está desexando comezar para poñer o seu novo son fronte ao público máis fiel que ven seguíndoas desde os seus comezos. "Van levar unha sorpresa, sobretodo a xente que nos sigue desde fai tempo e ten unha idea preconcibida de como vai ser o disco, e temos ganas de ver esas reaccións.", avanzan desde o grupo como posible resposta dos seus seguidores a esta nova etapa na que aseguran ter as cousas moito máis claras respecto ao que queren facer e que supón para a traxectoria da banda unha "subida de nivel" da que din sentirse moi satisfeitas polo esteticamente homoxéneo que resulta o traballo completo e pola compenetración lograda entre as letras e as melodías, que segundo elas conseguen "expresar completamente o que banda quere transmitir". Tras un proceso de gravación que no dubidan en definir como "intenso" dun mes e medio nos estudios Nakra da Coruña contando coa produción de Iago Lorenzo, os dez temas que presentan en Incoming Noise supoñen un cambio moi perceptible no son de Agoraphobia en referencia aos seus dous anteriores Eps - 'Dirty Little Things' (2014) e 'Ready to Play' (2015)- e tamén ao seu directo. O paso cualitativo que veñen de dar cara a un rock and roll máis "escuro", guitarreiro e ruidoso, pero tamén rico en matices as achega á corrente Stoner californiana e afecta incluso aos temas anteriores da súa traxectoria, algúns dos cales "seleccionados" seguiran interpretando nos directos pero que agora presentarán revisados en son e en mensaxe desde a súa etapa musical actual.
Os dez novos temas xorden todos eles dun traballo colectivo de autoría no que afirman ter chegado a un alto grao de compenetración e con letras nas que están presentes as súas propias vivencias persoais. Malia ser rico en matices, subidas e baixadas e variedade, Incomin Noise preséntase como un disco moi homoxéneo e compacto na súa proposta, que abre co que xa é o sinxelo e emblemático Karlova e ofrece perlas como , É unha opinión (con letra en inglés malia o título en galego), Captain Time ou trallazos de enerxía como Caffeine Pill por exemplo. En todos os temas déixase notar tamén o seu avance na execución, tanto nos instrumentos como a nivel vocal por parte da súa frontwoman, Susana, que en directo conquista o escenario con actitude e atrevemento.
Coas cousas moi claras e xusto a raíz da intensidade e avance despregados coa gravación de Incoming Noise as Agoraphobia marcan tamén neste momento a súa aposta persoal como profesionais da música decididas a centrarse unicamente nesta actividade como plan de vida e carreira. "A raíz de gravar este disco foi onde tomamos todas a decisión de involucrarnos e dedicarnos integramente a isto. Foi un punto de inflexión no que a partir de aí dixemos: agora a por todas, é o momento." Esta decisión colectiva tivo tamén o seu custe en forma dunha baixa no quinteto orixinal coa saída da banda da guitarrista Aislinn García tras participar no proceso de gravación quedando como un cuarteto con Lucía Fernández, Sabela Sampedro , Paula Rego e Susana Saavedra e para a defensa en directo do moi guitarreiro Incoming Noise aparece como opción natural a da incorporación na xira de Iago Lorenzo , guitarrista e tamén produtor do disco. "Con Iago temos moitísimo feeling e foi todo moi natural.", din elas. O vindeiro 18 de novembro comezarán xa a xira galega, comezando na Sala Sonar de Santiago e con outras datas xa confirmadas na comunidade por diante ata finais de ano. No Nadal tamén sairá á venda o recompilatorio solidario Hardcore Hits Cancer (HCXHC) de apoio para familias con rapaces que sofren cáncro e para o que a banda gravou unha versión dos Pixies que interpretan nos seus directos.