Coke Céspedes protagoniza o novo disco do MC El Puto Coke
marzo 7, 2012
O retorno do artista vigués El Puto Coke ao micrófono despois de seis anos dedicado á produción e ás colaboracións xa está nas tendas editado finalmente a través do seu propio selo LicorKafé. El Puto Coke presenta:Coke Céspedes é o título deste traballo, talvez o máis íntimo e persoal do MC con quince temas de hip-hop gravados nos estudios Abdala da Habana.
A importancia do momento, a reivindicación da independencia persoal e profesional, a actitude revolucionaria, as inquedanzas íntimas e vitais sobre a vida e a morte ou o paso do tempo son temas vivenciais presentes nas súas letras. No proxecto, Coke conta con colaboracións como as de Iván Ferreiro, Wöyza, Dani Reus e o MC galego afincado en Suíza Gran Purismo na parte vocal, e autoproduce once das cancións. Segundo adianta o artista, o proxecto percorre diferentes variedades de hip-hop, “é un traballo no que se funden todas as influencias acumuladas no seu proceso evolutivo”, apunta no texto promocional. Desde tons dos noventa como La vida en directo e Despierta a tendencias máis actuais como as que se poden ouvir no primeiro single ou en Otra letra más. O traballo tamén inclúe unha versión do Hino Galego gravada na Habana, o lugar onde se estreou a partitura en 1907, engadindo ritmos propios da illa caribeña.
Tamén che pode interesar:
- 24/ 1/ 2012 | Sons para comezar o ano
- 3/ 3/ 2009 | Wöyza presenta o seu primeiro disco editado en vinilo
- 11/ 2/ 2009 | Aíd presenta un hip-hop alternativo e renovado co seu primeiro traballo
- 5/ 11/ 2008 | Aid contra 1.300
- 10/ 10/ 2008 | O Mc vigués Pániko sae a tomar as rúas co seu primeiro disco en solitario