Carlos Núñez descobre Brasil
xuño 15, 2009
"En Brasil atopei unha Galicia do futuro", resume Carlos Núñez a experiencia suramericana da que naceu Alborada de Brasil. O último disco do gaiteiro vigués, que sae hoxe á venda, mergúllase nos sons do xigante da lusofonía e conta con colaboracións de luxo. Lenine, Carlinhos Brown ou Adriana Calcanhotto, entre outros, suman as súas achegas ás interpretacións do galego. O proceso de elaboración supuxo para Núñez toda unha viaxe iniciática que, segundo asegura, deixará pegada na súa música e que se poderá seguir nun vindeiro documental. O propio artista explícanos ese seu descubrimento do Brasil, e achéganos unha mostra da súa música.