Colaboradores
  Búmerang
Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Léns
26/30 Álvaro Negro
Sempre vin en Álvaro Negro (Lalín, 1973) unha das mellores escalas da arte galega actual; a súa traxectoria impecable e as numerosas citas veñen constatando esta realidade, partícipe do cambio nos procesos da pintura desde Galicia, cunha obra na que analiza, tamén desde un indisociable ámbito teórico, as diversas expansións da pintura na actualidade. Gozou dunha estadía no “Central Saint Martins School of Art de Londres” e participou en colectivas como Novos Valores, Malvar ou Novos Camiñantes, no ciclo Latitudes ou, recentemente, na mostra “Sky Shout” no Auditorio de Galicia, na que tamén foi responsable do proxecto museográfico. Entre as súas numerosas individuais, sobresaen as realizadas no Centro Torrente Ballester, no Museo Ramón María Ayer, na Fundación Laxeiro ou nas galerías Rayuela, SCQ, Marisa Marimón, VGO e o pasado ano, exhibindo os seus últimos traballos, en Fúcares de Madrid. Nas vindeiras semanas estará presente na feira ARCO e no proxecto InterZona’06 que se celebra en Zaragoza; hoxe inaugúrase no MARCO a colectiva Urbanistas, na que presenta os seus últimos traballos.
alvaro_negro.jpg
preme na imaxe para ampliala

Búmeran é participación. un diálogo coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa.


anteriores búmerang
30/30 Diego Santomé
29/30 Chiu Longina
28/30 Almudena Fernández
27/30 Vicente Blanco
26/30 Álvaro Negro
25/30 Pablo Orza
24/30 Victoria Diehl
23/30 Berio Molina
22/30 Salvador Cidrás
21/30 Isaac Cordal
20/30 Irene González
19/30 Patricia Dopico
18/30 Pablo Pérez Sanmartín
17/30 Iván Prieto
16/30 Amaya González
15/30 Rubén Santiago
14/30 Arturo Fuentes
13/30 Jorge Perianes
12/30 Maribel Castro
11/30 Fran Herbello
10/30 Santi Jiménez
9/30 Jano
8/30 Rubén Ramos Balsa
7/30 Félix Fernández
6/30 Suso Fandiño
5/30 Antón Cabaleiro
4/30 Mónica Alonso
3/30 Antía Moure
2/30 Carlos Maciá
1/30 Carme Nogueira

Búmerang1. ¿Existe un novo tempo, unha nova etiqueta, para a pintura?
A pintura non evolucionou de xeito independente ás dinámicas máis xerais nas que se move a arte contemporánea. Neste senso, é evidente que os xéneros sufriron un proceso de descomposición / deconstrución, non só nas artes visuais, senón tamén na literatura, a música, etc. ¿Que é hoxe a novela? ¿Que é hoxe a poesía? No caso da pintura, o cadro perdeu a hexemonía como único soporte físico dende o que desenvolver conceptos pictóricos, é mais, a pintura contemporánea moveu ese límite cara a outros medios: a fotografía e o vídeo, de tal xeito que a técnica xa non define ao xénero, senón os conceptos e a estrutura histórico-referencial no que se basean. Diría que a etiqueta non variou, pero sí a composición do produto.

Búmerang2. Sempre retratei o teu traballo, incluso nas obras da serie Luzpin, como parte dun proxecto de relectura do pictórico. Neste sentido, ¿cal pensas que debe de ser o lugar dos novos medios nesta realidade?

Os novos medios xa non son tan novos, a fotografía leva connosco xa máis de cen anos, e a imaxe en movemento, ben o cinema ben o vídeo, tamén atravesan unha situación que de lonxe está consolidada, incluso academizada. Por suposto tamén debemos pensar nas experiencias na rede de Internet, pero incluso aquí parece xa superada a idea de que a Net Art ía mudar as estruturas tradicionais da arte, mais ben todo convive, aínda que tamén é evidente que estes aportaron novas concepcións espazo-temporais, novos modelos dende o que achegarse á realidade.

O que é incuestionable é a revolución que está a supoñer a imaxe dixital, na que conflúen tanto a fotografía coma o vídeo e o cinema, mantense a cámara coma artefacto dende o que captar imaxes, pero a partires de aquí todo mudou, a posprodución, é dicir, os softwares de edición e tratamento da imaxe abarataron moitísimo os custes económicos e abriron as posibilidades dos artistas. De todos os xeitos o que quero remarcar é que aínda que o produto final tiña un parecido visual cos seus pais analóxicos, a composición da imaxe dixital é totalmente diferente, tanto coma a diferenza entre unha fotografía e un cadro hiperrealista. Falaríamos entón, de diferenzas de “sustancia”: a imaxe analóxica é química; a dixital, matemática. Por exemplo, cando ves os datos dunha imaxe dixital comprobas numericamente a súa resolución, o seu balance de brancos, podes darlle –5 de contraste, +8 de brillo, un filtro de desenfoque de 30 píxeles… todo se reduce ao píxel, tanto a luz coma a sombra, o clásico claroscuro é agora un compendio de datos numéricos, tamén a cor.

Búmerang3. Unha pintura de presente coa ollada nun retrovisor de historia. ¿Cales son os autores, liñas, cos que te sentes máis identificado?

Para min Gerhard Richter é un referente incuestionable, tanto polo diálogo que precisamente establece respecto á historia da pintura coma polo intercambio de efectos coa fotografía. Exemplo disto son os brochazos que barren o cadro producindo un efecto similar a unha fotografía desenfocada. Respecto do primeiro, na súa obra respírase certa nostalxia por modos pictóricos irrecuperables, as súas paisaxes ou os seus diálogos con Tiziano volven a nós case como restos dun naufraxio: o da caída da pintura do primeiro escalafón da Arte –con maiúscula–, unha maneira de facer en extinción. Respecto do segundo, a súa obra afrontou toda esa herdanza da historia para convertela nunha especie de catálogo de modelos, de modos de facer pintura pero partindo dun nivel onde a imaxe preexiste dun modo codificado –a fotografía–. Dende aquí, e xunto con outros autores coma Warhol, Rauschemberg ou Polke, inaugúrase a pintura postmoderna: contaminada por outros xéneros, influenciada por todo tipo de cousas alleas ao pictórico –dende o punto de vista modernista que os antecede–, é dicir, unha pintura de esencia “expansionista”. Outros pintores que me influíron foron IMI Knoebel ou Peter Halley, aínda que na actualidade síntome mais próximo a artistas que están comprometidos coa temporalidade da imaxe nun territorio híbrido entre a pintura, a fotografía ou o vídeo, caso de David Claerbout ou Mark Lewis.

Búmerang4. Volviches a expoñer en Madrid, seis anos despois da primeira vez, ¿Cales pensas que son as causas da escasa promoción da arte galega contemporánea fóra das nosas fronteiras? ¿incluso tamén en Galicia?

A pregunta do millón. Ben, supoño que todo o poderiamos entender dentro das dinámicas de centro-periferia, e non só a un nivel cultural, senón sobre todo económicas. Habería que analizar a infraestrutura cultural necesaria para poder exportar a nosa arte, con que recursos contamos e como sacarlles o mellor partido. Deberiamos unir todos os sectores implicados: institucións públicas, críticos e comisarios, galeristas e artistas, e chegar a un diagnóstico da situación, realista e rigoroso, e dende aquí trazar vías de actuación a curto, medio e longo prazo, máis aló das conxunturas políticas dun momento.

Búmerang5. Un autor de iniciativa continua. Pensa nun proxecto que quixeras facer.

Teño moitos bosquexos gardados para próximos cadros, tamén gravacións que están por editar para proxectos video-fotográficos, pero debo confesar que tamén me gustaría comisariar algunha exposición, nesta dirección teño varias ideas que por suposto non vou desvelar. O problema está que en Galiza aínda se ve con receo a figura do comisario-artista, identifícase con posicións intrusistas. Sen embargo, a nivel internacional, dende a pasada década asistimos a un novo campo de prácticas contemporáneas que precisamente están a disolver os límites entre a actividade do comisario e a do artista.

O “curator performativo” e o “artista de postprodución” colaboran na deconstrucción dos “sistemas mediadores” da exposición e da institución. Aquí teríamos que citar unha serie de nomes paradigmáticos respecto destas novas prácticas “artístico-mediadoras”: Liam Gillick, Dominique Gonzalez-Foerster, Félix González-Torres, Pierre Huyghe, Jorge Pardo, Philippe Parreno, Rirkrit Tiravanija… Pero, ¿de que falamos exactamente a través destes termos? Dúas recentes publicacións de Nicolas Borriaud e artigos como os de Alex Farquharson en Art Montly veñen de analizar estas alianzas. Se por produción enténdese a construción –manual ou mecánica– por parte do artista de obras que se proxectan no sentido convencional e clásico, no estudio ou en calquera outro lugar, é dicir, obras que se finalizan previamente á súa “exposición” e que son autónomas á mesma; por postprodución defínese o traballo de “mestura” e “edición” de certos elementos que adquiren o seu significado en función das condicións que se dan no contexto da exposición, diferenciándose do máis amplo modelo do “site specific proyect” a través de estratexias e posicións que tradicionalmente pertenceron ao dominio do comisario e a institución. Neste senso son paradigmáticos os traballos de Andrea Fraser cos dispositivos de visita guiada dos museos, os paseos “guiados” a través de historias gravadas en CD de Janett Kardiff, ou o hall de conferencia de Adam Page na Documenta X. Trátase de definir as coordenadas dentro das cales o encontro entre o público e a arte teñen lugar. A mediación é así responsable da forma que toma este encontro e como conflúe, inspira, ou fai produtivos os diversos modos en que a arte é percibida.

Ligazóns:
MARCO


Galería Fúcares


Crítica I


Crítica II


Crítica III


Crítica IV


Sky Shout


Colección Caixanova


Colección Concello de Pamplona


Latitudes II






Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org

Slot Terbaru