Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Observamos a túa obra dentro dunha continua relectura do concepto memoria. ¿Cales son as notas ou liñas do teu traballo?
Afinamento da consciencia para a percepción cualificada da visión. A canalización das frecuencias de transmutación para a transmisión da vibración harmónica da fonte. Estas nun sentido transpersoal.
Máis particularmente, seguindo as directrices do Tzolkin maia, a organización co fin de catalizar e o equilibrio para a igualdade a través da transformación holística. Características propias do Kin 19: tormenta rítmica azul.
Obviamente, arte = vida.
Búmerang2. A túa produción diversifícase entre varios soportes. ¿Cal pensas que é o lugar do medio na evolución do traballo creativo?
A sociedade, a humanidade. En concreto, o principio configurador das correntes de vida dos humanos, algúns chámanlle a isto a alma.
Búmerang3. ¿Que autores ou tendencias actúan de satélites continuos nas túas obras?
"Nihil humano alienum me est". Algo así como: nada do humano me é alleo. E logo todo o demais: as árbores, a auga, o sol, as estrelas, os elefantes, as células... etc.
Búmerang4 ¿Consideras axeitada a promoción dos artistas máis novos? ¿Sénteste identificado dentro dunha colectividade na última xeración de autores galegos?
As estratexias de promoción son unha consecuencia lóxica da cultura do espectáculo, a información coma mercadoría. A creación dun ámbito de ficción especulativa rexido pola confusa vibración dos cartos e a súa depredadora ubicuidade mediática. Algo verdadeiramente vertixinoso, compulsivo, ensimesmado. Faime pensar nun grupo de xente pechada nun centro comercial no medio dunha fraga sen saír de por vida ao exterior. Naturalmente, esta situación, este encantamento dos cartos, impide reflectir o que realmente está a acontecer. Por suposto non son todos os que están ni están todos os que son.
Persoalmente identificaríame dentro dunha colectividade na que non se prestaría moita atención ás estratexias promocionais de ningún país, estado ou nación, e si máis ao grado de integración e manifestación dos códigos bio-éticos dos seus habitantes e organismos.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
A posta en marcha, en todos os núcleos de poboación, cidades, vilas ou aldeas, dun ou varios centros de encontro. Unha especie de local ou complexo social dotado de cafetería-comedor, gardería, sala de baile, concertos ou recitais, capela ou laboratorio ou sala de exposicións, horta ou invernadoiro, dormitorios, espazos de meditación, obradoiros... etc.
Estes espazos xerarían unha rede de intercambio de xeito que unha exposición, uns bailaríns, uns artesáns, uns buscadores... vaian rotando, despregándose, disolvéndose nunha forma de vida.
Heya, heya, heya, hey. |
|