Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Pertences a un grupo de autores que serviron de elo xeracional nas artes visuais galegas dos anos noventa. ¿Considéraste integrado ou parte dunha xeración galega?
Non, a realidade galega deses anos non permite falar dunha xeración porque non se deron as canles de promoción, nin sequera neste momento estamos asistindo a un definido grupo de autores. Se queres, deuse unha ruptura e entraron en escena outros artistas pero o empuxe foi feble. Os comisariados aínda son moi conservadores, e mentres non se normalice unha presenza real de autores galegos fóra e dentro de Galicia non podemos falar de xeración ou grupo. É preciso definir e apostar por un grupo de artistas e dunha vez por todas deixar de compracer a todo o mundo. Necesítase unha aposta valente.
Búmerang2. ¿Cal é a túa perspectiva da promoción ou difusión da arte galega fóra de Galicia? ¿cales pensas que serían as vías de posible visibilidade ou saída?
A difusión ou promoción non existe. Non temos máis que botar unha ollada á presenza de artistas españois en Bienais ou programacións de museos de importancia no estranxeiro para decatarnos que esta é na maioría dos casos anecdótica, así que é doado imaxinar o panorama galego. A falta de canles de difusión, proxectos de comisariado que impliquen a outras institucións fóra do territorio galego, fan que sexa moi difícil. A miña sensación é que necesitaríamos incorporarnos a unha dinámica de proxectos máis modestos, pero que impliquen a comisarios e institucións internacionais ou doutras rexións en España. Estou pensando en proxectos de comisariado que presenten en Galicia artistas novos doutros países, tamén españois e galegos, desa forma crearíase unha canle de relación para poder presentar fóra tamén a obra de artistas galegos. Entendo que unha grande responsabilidade recae nos novos comisarios galegos. Que se inicie unha clara vontade de crer nos artistas galegos, traballar nun proxecto de tese expositiva que contemple ou ampliala a outras propostas de artistas de fóra de Galicia, visitar institucións, convencer a todas as partes para levar a cabo este proxecto e tratar que este sexa interesante e exportable a outros públicos e escenarios.
Búmerang3. Entre as claves da túa obra concéntrase un diálogo social/espacial, de identidade ¿que outras claves pensas que definen o teu traballo?
Penso no meu traballo como un medio para cuestionar a sociedade na que vivo. Son unha persoa cunha grande curiosidade por todo o que me rodea e a arte é a canle pola que presento ós demais outra forma de ver as cousas.
Búmerang4. Gustaríame que debuxases un posible mapa de tendencias ou autores que consideras referentes da túa produción.
Agora mesmo fascíname o imaxinario das subculturas urbanas, o mundo adolescente. Por suposto que o que me interesa é recibila como espectador e filtrala baixo a miña propia experiencia, xa que xeneracionalmente esta moi afastada.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Agora mesmo, imaxino que pola natureza das miñas últimas pezas, gustaríame formular un proxecto fóra do espazo expositivo convencional; non necesariamente definido coma arte urbana pero si que implicase a idea de intervencións no percorrido da cidade, e tamén no medio rural, buscando soportes para pezas de vídeo por exemplo en escaparates, medianeiras de edificios, monitores en estacións de tren, buses, bancos, colexios, murais ou debuxos directamente en muros ou carteis pegados. Estou pensando nunha especie de proxecto similar ao de Munster, porque despois da gran cantidade de exposicións que vin é esta experiencia a que na memoria sempre se presenta como goce.
Gustaríame formular un proxecto que involucrase á xuventude, estes últimos meses estiven en contacto con grupos de mozos que teñen unha visión moi conservadora do que é a arte ou a creación en xeral. Isto preocúpame moito, porque aínda non se está dando ningunha resposta a esta carencia. |
|