Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Sempre identifiquei o teu traballo vinculado a un proceso de mínimos, de peles desde a pintura, o debuxo e o gravado ¿que claves pensas que definen ou axudan a comprender o teu traballo ou inquedanza creativa?
Quizais non sexa unha clave, máis ben unha actitude. Supoño que unha das características da miña obra é a necesidade de tempo. O meu traballo require certa observación para descubrir matices. Creo que quen observe debe realizar un exercicio de detalle.
Traballo dun xeito moi escultórico porque vou modelando os elementos que configuran a obra. Nunca fixen unha peza que se compoña unicamente de fondo/figura. Os meus cadros ben poderían verse a través dun escáner porque así descubriríanse o resto dos cadros que se ocultan detrás das capas de papel, aínda que deixo que se intúan, como as siluetas detrás dos biombos de papel xaponés. Trátase dun exercicio de corrección constante, non como desconformidade senón como engadido, pero non é un engadido aleatorio, existe unha intención previa no esconder este traballo, como un xogo, é un ocultamento consciente, trátase de algo moi persoal, non quero mostrar directamente o que fago, creo que resulta máis interesante que o observador descubra como é a imaxe a través dun exercicio de contemplación. A lectura é indirecta, aínda que os meus cadros poidan entenderse dun só golpe de vista a miña intención non é tan sinxela. No fondo, os meus traballos, son un enramado de capas, con certa intención de acumulación.
Este xeito de traballar advírtoo como un tartamudeo, como se quixese expresarme torpemente. Gústame xogar con esta aparencia. Facer pensar que se está ante algo fráxil e logo descubrir que, a pesar de estar composto con papel, as súas capas lle confiren fortaleza. Faime graza que se pense que se trata de obras delicadas, que o son, pero non máis que calquera pintura. Tamén opino que a idade do papel aporta á obra algo que non pode facer a pintura. Como Duchamp co seu cadro de po. Outra característica de traballar co papel é o seu carácter físico, é dicir, trátase dun material imprevisible porque muta e isto lle concede moito carácter.
Búmerang2. Localizamos traballos teus vinculados a proxectos como IFI ou “Eu, Museo” no MARCO identificados coa ironía e a crítica ¿Cal pensas que é o lugar do medio, do soporte, no proceso de creación?
No caso de IFI e o MARCO constaban de dous proxectos para algo moi concreto no que había que ter en conta unha serie de pautas, no primeiro. No último IFI que puidemos contemplar en Pontevedra, versaba sobre o principio de crise, e era unha temática común en todas as obras do Pazo da Cultura de Pontevedra. En Eu, Museo, traballamos cunha comisaria que tiña moi claro que debía de verse na exposición. Xogamos co concepto dunha arte mercantilizada e para iso recorremos a estratexias de mercadotecnia como si se tratase dun exercicio de promoción.
Tanto no MARCO como en IFI ambas obras pedían soportes moi de actualidade, como é a instalación combinada con performance e vídeo. Trátase de dous proxectos illados pero cun nexo común: o mercado da arte. Ambos manteñen un discurso irónico con respecto á arte e aos seus mecanismos internos. A acidez coa que se formulou cada proxecto requiría unha aparencia de modernidade absoluta. Penso cada obra en función da seu discurso e para iso busco o soporte máis idóneo. No caso do MARCO traballei co vídeo e non era a primeira vez que traballaba con este medio pero nunca dun xeito tan intenso. Está demasiado mecanizado, o vídeo obriga a reducir nun breve espazo de tempo demasiados conceptos e non da marxe para traballar con sutilezas, excesivamente directo, inmediato. Confío máis no uso do vídeo como testemuña de accións, non tanto como medio. Ver un vídeo require o uso de máis dun sentido e isto dificulta o traballo. Baixo a miña opinión é difícil que un vídeo satisfaga máis dun sentido á vez. Cando existe un traballo de manufactura o control que se exerce na obra é totalmente oposto ó que me outorga o vídeo, existe máis intimidade con respecto á obra, quizais por iso me sinto máis a gusto co debuxo, a relación é estreita, é un medio no que me expreso máis desenvolta.
Búmerang3. ¿Cales consideras que son os referentes ou vínculos da túa traxectoria e na actualidade?
Interésame a obra de Mark Lombardi, que manexaba unha linguaxe moi persoal, case psicótica, tamén o xeito no que facía próximo e cálido algo tan en aparencia frío como pode ser un pictograma. Hai obras de Toba Khedoori que me parecen espectaculares. As imaxes recargadas de Yayoi Kusama resultan atractivas, sobre todo polo seu gusto polo homoxéneo, paréceme interesante o barroquismo controlado, sofisticado, que se está facendo ultimamente. Logo están Ellen Gallagher e Laura Owens, Marcel Dzama, Framis, Catherine Bertola... Hai multitude de artistas que me interesan, procuro fixarme moito máis naqueles que, aparentemente, se afastan do meu xeito de traballar, como Thomas Hirschhorn, Tatsumi Orimoto e moitísimos máis. E eu tamén pintei moito, polo tanto aos clásicos da pintura non podo ignoralos, como Durero, Velázquez, Goya, Rembrandt, Caravaggio… creo que son atemporais e sempre hai algo por descubrir neles.
Búmerang4. ¿Cres que formas parte dunha xeración de artistas galegos? ¿Cómo observas a súa promoción en Galicia?
Sen ningunha dúbida. Formeime en Galicia, levo case dez anos vivindo aquí e participei xunto a moitos dos meus compañeiros galegos en certames e colectivas. Os concursos son un bo camiño para darse a coñecer. Penso que en Galicia a presenza de bos concursos é escasa e unha pena. Estes certames están presentados para a promoción de novos artistas galegos e esta preocupación, moitas veces, failles esquecer que quizais se mantivesen un carácter máis aberto e se liberasen desta postura poderían aparecer máis artistas adoptivos, que viven e se forman en Galicia; isto non fai máis que enriquecer e promover o que se fai en Galicia. Isto non é algo illado, ocorre en máis ou menos todas as comunidades e, sinceramente, penso que é un error. Tamén creo que son poucas as bolsas para proxectos artísticos e as poucas que hai son de presupostos escasos e de proxección case inexistente. Ademais, moitas das bolsas que si ofertan unha boa contía formulan que se desenvolve o traballo no estranxeiro e non entendo moi ben porque ese gasto innecesario; vexo máis lóxico que bequen ó artista na súa cidade, que desenvolva o proxecto nun ámbito onde se mova e coñeza e, quizais, unha vez finalizado o propósito empregar parte da bolsa para que teña unha proxección fóra da súa cidade.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.
Ultimamente o meu ritmo de vida cambiou con respecto ó de hai uns anos. Agora traballo e véxome obrigada a adaptar a miña obra ó meu horario laboral. Non me queda outra opción que formularme un tipo de obra de manufactura barata e que se poida facer en calquera momento. Creo que estas circunstancias obríganme a agudizar o enxeño para crear obra, a pesar de carecer de recursos e esta situación, creo, está sendo positiva para o meu traballo. Os materiais empregados ultimamente reflicten esta situación. Trátase de materiais cotiás que se poden atopar en calquera fogar. Retornei ó debuxo por esta circunstancia, e alédome. Agora fago debuxos enormes, de máis de dous metros. Sigo fragmentándoos porque realizo un traballo de puzzle. Lévoos ó traballo e logo no estudo vounos unindo, un xeito de aproveitar o tempo ó máximo. Agora mesmo estou retomando un proxecto que comezara a tomar forma cando estaba co doutoramento, transformado pero gardando un interese pola acumulación que xa se iniciara entón. Estou reproducindo os meus últimos debuxos. Trátanse de agrupacións de pedras moi, moi pequenas, debuxadas. Son derrames de pedras, acumúlanse e derrúbanse e esta intención quero levala ó espazo, traballando coa escultura baixo a idea de instalación. |
|