Búmeran é participación. un diálogo
coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un
proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa. |
|
Búmerang1. Nas túas obras detectamos unha certa complicidade de soportes e direccións estéticas e temáticas; que oscila entre o social, a acción e o concepto. Cales son as claves do teu traballo.
Para min non é doado falar de claves no meu traballo, quizais o máis característico na maioría dos meus proxectos é a importancia do proceso mediante o cal se constrúen as pezas.
Non podo pensar na temática coma unha clave, pois non pretende existir linealidade algunha na mesma; máis ben e algo que xorde de xeito particular nos proxectos en concreto ou nas pezas, dependendo dos materiais, os obxetos, as accións, etc. No que se refire a estes, sempre procuro traballar a partir do cotiá, do coñecido, do dado.
Penso que non teño unha clave prefixada de non ser na metodoloxía de traballo, intentar facer algo con calquera cousa, xogar coas posibilidades dos obxetos, as situacións, os espazos; para posteriormente revisar ó contido dos resultados, os intereses ou as implicacións, e dependendo disto tomar decisións. Poderíamos falar do xogo coma unha clave metodolóxica, e de seguido un proceso de análise, un posicionamento coma de facer sen máis, experimentar e ver que é o que acontece.
Búmerang2 + Búmerang3. Participaches na mostra “Eu, Museo”, en certames de promoción e no recente taller de Gabriel Orózco na Fundación Marcelino Botín; ¿cales pensas que son as canles ou soportes para unha boa promoción dun artista novo? ¿como observas esta realidade galega?
Penso que a situación na Galicia actual aparece marcada por un panorama de xoves artistas con diversidade de propostas. Existe un marco conceptual vinculado á facultade de Belas Artes que xera cada ano novas promocións achegadas á arte contemporánea e que reclaman unha implicación concreta na estrutura social cun maior apoio ós novos.
Con respeto ás posibles solucións habería que falar dun posible centro neurálxico que funcionara coma lugar de encontro, no que se promoveran as actividades artísticas, o intercambio, e o fluir da información; que facilitara espazos para a produción de obra, mediante bolsas, obradoiros, etc e intervira tamén na distribución e difusión das creacións máis recentes.
Búmerang4. ¿Con que narracións, tendencias ou movementos che gusta identificarte? ¿que nomes empregas na túa bibliografía visual?
Non me gusta o termo identificar, aínda que esto non debe entenderse coma un intento de individualismo, senón de humildade e respeto polo traballo dos que admiro. Identificarse podería entenderse coma algo pretencioso e non se trata de eso ¿non crees?
Os referentes son moitos e variados, de diferentes épocas e tendencias, dende os movementos dos anos sesenta ata a actualidade. Poderíase dicir que teño especial interese polos traballos co corpo, ou coa acción, coma por exemplo as obras de Vito Acconci dos setenta, as de Dennis Oppenheim desa mesma época, as intervencións de Fluxus, o traballo de On Kawara e tamén propostas máis recentes coma as de Gabriel Orozco ou Erwin Wurm.
Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer
A verdade é que son incapaz de pensar nun só proxecto porque neste momento rondan pola miña cabeza varios de xeito simultáneo, uns máis asequibles, nos que traballo de forma continuada, e outros que é imposible facer sen financiamento, coma por exemplo un no que tento traballar co diñeiro, para o que sería necesario dispoñer dunha morea de cartos que, en vez de mercar materiais, empregaríanse como material. |
|